O BNG falou no Parlamento da «desatención crónica» no Hospital Público de Valdeorras

Publicidad

«A comarca reclama unha atención sanitaria de calidade que atenda as súas necesidades», dixo María González Albert

O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación do Hospital Público de Valdeorras, con numerosos servizos precarizados por mor da ausencia de prazas convocadas e o escurantismo —afirma— do Goberno do PP respecto do número de prazas orzamentadas de persoal facultativo, persoal de enfermaría e non sanitario do hospital.

“A crúa e triste realidade é que vostedes teñen sumida á poboación do distrito sanitario de Valdeorras nunha desatención hospitalaria crónica que non queren ou non poden solucionar”, recriminou a deputada valdeorresa, María González Albert, que criticou que Executivo do PP non informa sobre cando vai convocar prazas como a de xefe de servizo de Medicina Interna, xefe ou xefa de servizo de Cirurxía, Radioloxía e que “até fai catro días tiña dez facultativos, que agora anda polos sete e do que non se dan cuberto as gardas”, xa que do total de sete profesionais dous teñen exención e outros tres pedírona, sinalou.

Publicidad

O Hospital Público de Valdeorras está a padecer, criticou a deputada por Ourense, da inacción duns Populares que consenten que o seu servizo de Hematoloxía conte, a día de hoxe cunha única facultativa. “Explíqueme como é posíbel que funcione así un hospital”, inquiriu. González Albert tamén mencionou a recente dimisión da responsable do distrito sanitario valdeorrés.

Publicidad

“Valdeorras merece e reclama unha atención sanitaria de calidade, de proximidade, e que atenda as necesidades dunha poboación envellecida e con patoloxías específicas que vostedes se negan a atender”, denunciou Albert, que advertiu de que se trataba da terceira vez que o BNG preguntaba ao conselleiro de Sanidade a este respecto “e que ten demostrado a súa incapacidade para solucionar este problema durante máis de dous anos. Se acaso agravala”, declarou.

Publicidad

Un Goberno do PP que, outra vez, —insistiu— volveu rexeitar aclarar cal será o futuro da atención e dos servizos do Hospital Público de Valdeorras, o cal forza á cidadanía valdeorresa a acudir a Ourense para ser atendida, coa correspondente distancia e custo. Outro complexo hospitalario, o ourensán, “que como sabe ben tamén conta cos seus propios problemas e que acepta de mala gana a pacientes derivados dos hospitais comarcais que saturan os seus servizos xa de por si precarizados”, concluíu a deputada do BNG.