O BNG do Barco leva ao pleno unha moción que pide o reforzo de atención ás vítimas de violencia machista

Publicidad

Será presentada na sesión do xoves 7 de novembro

O grupo municipal do BNG leva ao pleno do Barco este xoves, 7 de novembro, unha moción con motivo do 25N. Afirma que a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde manifestada en propostas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos.

Publicidad

Propón que a Corporación do Barco inste a Xunta de Galicia a aprobación e dotación orzamentaria dun plan de reforzo dos recursos e persoal «necesario para poder prestar a atención precisa á saúde mental na sanidade pública e dar cumprimento ao mandato de prestar a atención asistencia psicolóxica para vítimas de violencia como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias». Considera que este plan debe contar cunha partida singularizada e orzamentada nos próximos orzamentos do goberno galego que incorpore, co Colexio de Psicoloxía de Galiza, unha proposta de ampliación dos programas xa existentes.

Publicidad

A moción solicita que se impulse un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller, co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles
concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados; impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.

Publicidad

Finalmente, propón rectificar a decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantir a prestación deste servizo desde o sistema público de saúde, con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial e directamente ao cargo da administración pública, así como a acelerar a súa posta en marcha nas sete áreas sanitarias.