O candidato ao Congreso dos Deputados do BNG, Francisco García, estivo en O Barco de Valdeorras nun encontro con veciñas e veciños do concello. Tamén interviñeron Jesús Vilasánchez, voceiro municipal na vila, Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza; e Roberto Quiroga, candidato ao Senado e veciño de A Rúa.
Nun primeiro momento, o candidato ao Congreso reivindicou a inxustiza que sofre a xente de Valdeorras “que teñen que desprazarse até Oviedo para recibir tratamento e coidados para a silicose” posto que é o centro de referencia para esta comarca. O Barco, debido ás explotacións de pizarra que hai na comarca, é unha das zonas máis afectadas por esta enfermidade. “O 80% dos casos de silicose son diagnosticados en Galiza e gran parte desa porcentaxe provén de Valdeorras” afirmou o candidato do BNG ao Congreso dos Deputados.
“Precisamos vertebrar o noso territorio. Precisamos que Valdeorras se poida comunicar co resto de Ourense e o país” sinalou Francisco García. Asemade, destacou que cando chegue a Madrid, unha das primeiras medidas será o arranxo da N-120 que conecta a comarca de Valdeorras coa capitalidade de provincia. “Non pode ser que as conexións da comarca de Valdeorras aínda non se levaran a cabo. “A comarca tamén precisa dunha conexión de autobús con A Gudiña para poder acceder ao AVE cando chegue” apuntou García.
“Temos que comezar a reforzar a nosa autoestima de ser, de estar e de vivir en O Barco. En segundo lugar, promover o patrimonio local, unha aposta clara polo sector vitivinícola de tal xeito que O Barco se converta no berce da produción de godello”, explicou García.
Propostas do sector vitivinícola
Nunha anterior reunión co sector vitivinícola da comarca, o candidato, acompañado da deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas, fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos do concello de Valdeorras e da comarca. “Temos que garantir rendas para os produtores e que no censo catastral apareza reflectida a realidade das explotacións vitivinícolas” prometeu García. Pola súa banda, a deputada, Noa Presas, explicou que durante este mandato no Parlamento presentaran iniciativas neste eido e para a comarca de Valdeorras e lle volverán a lembrar á Conselleira o que prometeu no seu momento: “unha nova cota para asegurar as explotacións vitivinícolas e que non volva a acontecer a pedrada de hai tres anos”.
“Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid, mesmo deputados doutras formacións, defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou García. “Nun escenario sen maiorías absolutas cada deputado é decisivo. Para que o 10 de novembro non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, temos que facernos valer da man do BNG con representación en Madrid”, recalcou o candidato.