A Xunta comparte cunha delegación portuguesa a experiencia deste xeito de por en valor o medio rural
Técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acompañaron esta semana aos membros da Comunidade Intermunicipal As Beiras e Serra da Estrela na súa visita polas aldeas modelo de Trascastro, no concello do Incio; e de Meixide, no concello da Veiga.
Durante a visita, os membros da delegación portuguesa puideron achegarse en primeira persoa á experiencia galega das aldeas modelo. Trascastro, que xa se atopa en fase de produción, foi a primeira aldea modelo decretada na provincia de Lugo e abrangue unha superficie de 14 hectáreas, 136 parcelas e 82 propietarios. Nela implantouse unha actividade de gandaría en extensivo con vaca cachena que, xunto coa singularidade do seu núcleo e a contorna da zona, con elementos catalogados do patrimonio cultural, converteron Trascastro nun lugar idóneo para levar a cabo este plan de dinamización do núcleo rural.
De seguido, visitaron a aldea modelo de Meixide, tamén en pleno proceso de produción con aproveitamento de vacún en extensivo. Abrangue unha superficie de 71,25 hectáreas arredor do núcleo de poboación que busca dinamizar, distribuída en 646 parcelas de 151 propietarios.
Así, amosóuselles as características e obxectivos da iniciativa das aldeas modelo e explicóuselles que é un dos principais instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia xunto cos polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión continua e as permutas de especial interese agrario.
O seu obxectivo principal é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización. Deste xeito, impúlsase nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza, senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños destes núcleos.
Cómpre sinalar que desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo. Ademais, a Consellería do Medio Rural destina neste 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca 2022. Deste motante, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.