Marcos Fernández relevará a Germán Alejandre como concelleiro do BNG na Rúa

Marcos e Germán
Publicidad

O número 3 da lista nacionalista deixa o posto por motivos persoais

O rués Marcos Fernández González pasará a formar parte da corporación municipal do Concello da Rúa. Faráo nos próximos meses collendo así o relevo de outra persoa que leva moitos anos dando o seu traballo e o seu esforzo na vocación de servizo público á veciñanza da Rúa, Germán Alejandre Salgado, que ocupaba o terceiro posto na mesma candidatura e que foi reeleito concelleiro nas eleccións de maio de 2019.

Este cambio producirase despois de que se faga efectiva a renuncia de Germán Alejandre a continuar no seu posto por motivos persoais. Alejandre foi concelleiro da Rúa nos dous últimos mandatos ocupando o posto da segunda tenencia de alcaldía durante o goberno bipartito do BNG e o PSOE entre 2015 e 2019.

Marcos Fernández, que se estreará agora na política insititucional, é licenciado en ciencias Químicas e pai dunha nena de 6 anos. Grande xogador de xadrez, defínese como un apaixonado da Rúa e das súas xentes e enceta esta nova etapa “con ilusión e con moitas ganas de traballar pola vila que me veu nacer e que escollín para levar adiante o meu proxecto de vida”.
Das prioridades de traballo para o que resta de mandato Fernández destaca a necesidade “de dotar á Rúa de dinámicas que rachen co evidente desmantelamento e despoboamento actuais e que permitan pensar o noso concello en futuro lonxe do derrotismo e conformismo no que semella estar inmerso o Concello hoxe en día”.

Publicidad

Marcos Fernández tivo tamén palabras para o seu antecesor no cargo ao que
“parabeniza e agradece todo o traballo feito”. Neste sentido, a portavoz municipal do BNG, Maria Albert, incidíu no papel “determinante” que Germán Alejandre desenvolveu nos seus anos de adicación ao Concello e o pulo que deu as súas áreas de traballo no período de goberno bipartito no que achegou “adicación, impulso, ilusión e resultados só por amor á Rúa”.

Albert quixo destacar sobre todo a faciana persoal de Germán Alejandre que, “máis aló do traballo político e de ser un grande compañeiro para Avelino Seco e para min mesma, é sobre todo un amigo”.

Por último, a portavoz nacionalista amosou a súa seguridade do grande traballo que Marcos Fernández desenvolverá na Corporación municipal e subliñou que Fernández chega “para sumar e dar un novo pulo a un grupo municipal que quere continuar a ser firme na oposición e propositivo en ideas e modelos porque A Rúa merece moito máis”.