Luis Menor reafirma ao comité de empresa de Irosa-Samaca o «total apoio» da Deputación ao sector da lousa

Publicidad

O presidente mantivo unha xornada de traballo en Valdeorras na que mantivo diversas reunións, tamén ca directiva do Consello Regulador e cos responsables da Ruta do Viño

O presidente da Deputación, Luis Menor, centrou toda a xornada de traballo de hoxe na comarca de Valdeorras. Así, na sede provisional da institución, na Casa Grande de Viloira, mantivo reunións de traballo co presidente e a directiva do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras; cos responsables da Asociación Ruta do Viño; e co comité de empresa de Irosa-Samaca. 

Publicidad

Precisamente, tras esta reunión cos representantes dos traballadores da louseira, Menor lembrou que “veñen de pasar por unha situación laboral moi complicada, coa ameaza de peche, e desde logo na Deputación teñen o noso total apoio ás súas xustas reivindicacións, entendendo que se trata dun sector absolutamente estratéxico para a comarca e para a provincia”.

Publicidad

Reiterou que o apoio da institución provincial será constante “en todos os ámbitos para que a actividade económica se siga desenvolvendo e, por outro lado, trataremos que na lexislación se fagan as modificacións necesarias para que haxa un marco xurídico moito máis estable para este sector económico”. 

Publicidad

A importancia do sector vitivinícola 

Por outra banda, na reunión co presidente e membros da directiva do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras “analizamos a situación da segunda denominación máis antiga da provincia e que está a experimentar un crecemento moi importante, ligado fundamentalmente a variedades da mesma como é o godello”, tal e como explicou Menor, quen ratificou o apoio da Deputación para colaborar en reforzar o dinamismo do sector, como o apoio para remodelar e mellorar a sede do consello, así como para cooperar de xeito estable cada ano para o funcionamento, comercialización e internacionalización da súa produción. “O sector do viño é estratéxico para a provincia e polo tanto o apoio da Deputación a un sector dinámico que tira da provincia é incuestionable para garantir os seus obxectivos de crecemento”. 

No que respecta á reunión cos responsables da Ruta do Viño de Valdeorras, centrada na promoción do enoturismo da comarca, o presidente provincial ratificou a colaboración da Deputación con esta organización, “tanto para o seu funcionamento, como para os seus programas ligados a deporte e turismo, e no apartado turístico moi especialmente no que atinxe á singularidade das covas”