Letras Galegas «Tecendo a Liberdade»: o proxecto que une a centros de ensino co CCA O Barco

Letras Galegas, Begoña Caamaño
Publicidad

Inclúe actividades como unha xincana, unha exposición no Malecón e unha mostra de fotos inspiradas en relatos da autora homenaxeada nas Letras Galegas, Begoña Caamaño

Centros de ensino de O Barco e Rubiá (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Centros de Educación Infantil e Primaria Xulio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, CEIP Virxe do Camiño de Rubiá) únense para conmemorar as Letras Galegas a través dun proxecto común («Tecendo a Liberdade») que leva a Begoña Caamaño, autora á que se lle dedican as Letras Galegas, fora das aulas para que permita que non só o alumnado, senón tamén toda a comunidade escolar e a veciñanza da vila, coñeza de preto esta figura.

A autora premiada pola Academia Galega, Begoña Caamaño, «foi unha escritora excepcional atravesada pola sensibilidade e o compromiso. Unha autora contemporánea que deu voz e letra a causas sociais do seu momento, pero que chegan ata o noso, e que segue sendo necesario reivindicar: o feminismo e a sororidade, a solidariedade, a xustiza social… e unindo todos estes puntos, unha rede de apoio e compromiso que hoxe en día parece ser máis necesaria ca nunca», expresou Alba Pérez, profesora do IES Lauro Olmo, que presentou a campaña en nome dos equipos de dinamización lingüística.

O proxecto que presentaron nace desa necesidade de unión e apoio, e de aí o título: «Tecendo a liberdade». É unha proposta que busca fomentar no alumnado, máis alá do coñecemento da súa vida e obra, o achegamento a esa mirada sensible, solidaria, e comprometida.

Publicidad

Exposición

«Decidimos plasmalo a través dunha serie de actividades que involucrasen ao noso alumnado pero que ao mesmo tempo, saian das aulas e ocupen merecidamente o espazo público», engadiu Alba Pérez. Por iso, se fará, en colaboración co Concello do Barco, cunha exposición no Paseo do Malecón.

«Este ano inspirámonos na estética grecolatina que nos ofrece Begoña Caamaño nunha das súas grandes obras: Circe ou o pracer do azul. É unha novela na que Penélope tece e destece o seu tear, pero tamén comeza a tecer, xunto á aparentemente malvada Circe, unha relación de sororidade que nos ofrece unha revisión feminista (e bastante máis xusta) dos mitos clásicos», explicou Alba Pérez.

Nos vindeiros días no paseo do Malecón, ademais de carteis expositivos coa vida e obra da autora, se poderán atopar literalmente tecidos entre as pólas das árbores bustos de mulleres (elaborados e decorados polo alumnado) que representan esa rede de afectos, de solidariedade e de apoio mutuo que históricamente as mulleres foron construíndo e que Begoña tan ben recolleu na súa obra.

Ademais desta exposición tan singular, o profesorado dos centros implicados invitan a alumnas e alumnos non só a tecer, senón tamén a retratar a liberdade que Begoña levou sempre por bandeira. «E fixémolo en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco: ofrecémoslles unha serie de frases significativas inspiradas na obra da autora, a partir das cales achegaron fotografías que serán expostas nos establecementos comerciais participantes», indicou Alba Pérez.

O CCA vai organizar unha xincana con todas elas; haberá premio, polo que o profesorado implicado tamén anima á veciñanza a participar e a apreciar o traballo de rapazas e rapaces.

«É un proxecto que presentamos con moita ilusión. Esperamos que Tecendo a liberdade sirva para conmemorar con orgullo unha das nosas escritoras contemporáneas máis significativas e que toda a comunidade sinta este día como propio. E para iso, gustaríanos tamén pedir ás e aos barquenses que se involucren e colaboren participando nas actividades propostas e respectando o traballo do alumnado, posto que detrás del, máis alá do material, hai moito tempo e ganas postas», concluiu.

Pola súa banda, o presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias, sinalou que entre os participantes farase un sorteo para escoller ao ganador ou ganadora. O premio será un vale de 50 euros para investir nas librarías asociadas. Tamén se premiará aos autores das fotos seleccionadas en cada centro de ensino.