Impulso ao turismo en Valdeorras: A Xunta constitúe a Comisión de Seguimento do Plan de Sustentabilidade Turística

Publicidad

Baixo o lema Ruta do Viño Milenaria incluirá medidas que potencien a enogastronomía, o turismo industrial e os puntos de interese paisaxístico e patrimonial

Turismo de Galicia constituiu hoxe a Comisión de Seguimento do Plan de Sustentabilidade Turística de Valdeorras que vén de ser aprobado no Consello da Xunta, cunha inversión de 1,5 millóns de euros.O Plan actuará nos nove concellos da comarca, en concreto O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras.

Baixo o lema Ruta do Viño Milenaria, incluirá medidas que potencien a posta en marcha de ferramentas de dixitalización que impulsen a ruta do viño en Valdeorras, o turismo industrial, ou súa rede de miradoiros en puntos de interese paisaxístico e patrimonial, entre outras accións.

O plan ten unha folla de ruta ata 2025 con medidas que xiren ao redor da enogastronomía. Prevé impulsar, por exemplo, a potencialidade como destino de observación do firmamento vencellado á cultura vitivinícola da comarca, reforzar a promoción do Camiño de Inverno, implementar medidas de dixitalización que permitan reforzar o destino, fomentar a súa riqueza natural como recurso turístico e mesmo medidas de mobilidade sostible entre concellos, entre outras.

Publicidad

Este novo programa está dentro do Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia que a Xunta lanzou en 2023. Cun investimento de 34,5 millóns de euros ata o ano 2025 enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos turísticos.

Este Plan Territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras.

Entre os compromisos do Plan está, ademais, a posta en marcha de 13 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino —como o autorizado hoxe— dos que se benefician un total de 80 concellos galegos.