Gran programa cultural no Barco para celebrar as Letras Galegas

Publicidad

O Concello organizou actividades arredor de Florencio Delgado Gurriarán con música, obradoiros, poesía e moito mais

O Concello do Barco elaborou un programa moi especial para celebrar as Letras Galegas adicadas ao valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Son moitas e variadas as actividades con Música, poesía, xogos, obradoiros e maratón de lectura, entre outras.

O sábado 14 de maio, de 11:00 a 13:00 horas, haberá un Obradoiro de Xogos tradicionais. Está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, acompañados dun adulto, xa que do que se trata é de xogar en familia e con outras familias. Recoméndase levar roupa cómoda, protección solar e auga. O máximo de participantes é de 40. E as inscricións se farán na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. O punto de recepción e de despedida, na Biblioteca do Barco.

Ás 19.00 horas haberá un Serán Poético na Rúa Abdón Blanco, Praza José Otero e Praza Maior. “Barullo” e Fátima Delgado recitarán poesías de Florencio Delgado Gurriarán nos espazos citados.

Publicidad

O domingo 15 de maio ás 12:30 horas: Contacontos para nenos: Florencio nas Ondas. É preciso a inscripción previa na Biblioteca.

A actriz Raquel Queizás guiará un programa de radio moi especial para coñecer algo máis sobre o poeta de Córgomo. A actividade realizase á beira do río Sil, á altura da Biblioteca, para poder gozar da natureza que tanto apaixonou a Florencio.

O luns, 16 de maio, ás 19,00 horas no exterior do Teatro Lauro Olmo farase unha entrega gratuita ao público de briks de leite Feiraco, personalizados coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán, coa animación musical do grupo Sr Jingles.

Tamén o luns, ás 20,00 horas, desenvolverase un Concerto das Letras Galegas, no que o grupo Zoar interpretará obras de Adolfo Salazar, Jesús Bal y Gay, Rodolfo Halffter, Frederic Mompou e Gerardo Gombau, e a soprano Clara Jelihovschi Panas porá voz a poemas de Amado Carballo, Ramón Cabanillas e Florencio Delgado Gurriarán.

Ademais terá lugar a estrea da peza “Diásporas” de Carme Rodríguez sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán, encargada polo Consello da Cultura Galega para esta celebración.

O martes, 17 de maio, ás 11,00 horas, oTeatro Lauro Olmo acolle o acto institucional do Día das Letras Galegas, coa actuación de Roi Casal. Para asistir, faise precisa reserva previa.

O mesmo día, ás 11,00 horas, celebrarase a vixésima edición do Maratón de Lectura organizado pola asociación Vagalume e o Concello do Barco. Terá lugar na praza do Concello. Está aberta a todos os que queiran participar.

Tamén o martes haberá teatro con “Fantoches Baj”, que presenta a obra “Tras os vieiros de Florencio”

Trátase dunhapeza de teatro performance para público adulto incluída na xira patrocinada polo programa FALAREDES da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A entrada é libre ata completar o aforo. 

O xoves 19 de maio, ás 19:00 horas, é o momento dos «Contacontos: Vendimando Versos». A actriz Soledad Felloza protagoniza un espectáculo de versos e crónicas ao rededor da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Unha viaxe desde Valdeorras a México. Unha historia de amor pola terra, a lingua e os costumes e tradicións dos seus veciños.