Florencio e o exilio mexicano pecharon o seu Simposio na Coruña

Ramón Villares, Pilar Cagiao, Víctor Freixanes, Samuel Diz e Ricardo Gurriarán
Publicidad

O encontro organizado pola Real Academia Galega conclúe esta tarde cunha actuación musical sobre a canción galega no exilio de 1939

O exilio mexicano foi o eixe do programa da segunda e última xornada do Simposio Florencio Delgado Gurriarán, que se desenvolveu na sede da Real Academia Galega. O director da Sección de Historia da institución, Ramón Villares, moderou a mesa redonda na que o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza e o investigador e músico Samuel Diz afondaron nas relacións do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 con Ramiro Isla Couto e Xesús Dopico Ferreiras, dúas figuras que, malia a relevancia que tiveron no exilio galeguista, ficaron no esquecemento. A historiadora Pilar Cagiao afondou na faceta menos coñecida de Delgado Gurriarán relacionada cos intelectuais mexicanos cos que tivo contacto.

A xornada de clausura do simposio, organizado co apoio da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, desenvolveuse no salón de actos da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña).

A xornada comenzou cun relatorio do biógrafo e parente do homenaxeado, Ricardo Gurriarán, que detívose en diversos trazos da vida do poeta e activista cultural valdeorrés, continuando cunha mesa redonda e unha actuación musical. Samuel Diz na guitarra clásica e a soprano Belén Vaquero interpretaron pezas para poemas de Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Augusto Casas e Xosé María Álvarez Blázquez asinadas polo lugués Xesús Bal y Gay e María Teresa Prieto e Rodolfo Halffter –todos eles, coma Florencio, exiliados en México–, e mais unha canción de cego harmonizada por Gustavo Durán.

Publicidad

Ramiro Isla Couto e Xesús Dopico

O profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luís Pastoriza levou ao encontro a relación entre Delgado Gurriarán e Ramiro Isla Couto durante a guerra civil e o primeiro exilio. “Tras a caída de Cataluña en mans do exército sublevado en febreiro de 1939, os dous coordinaron os labores de axuda aos refuxiados galegos internados nos campos de concentración franceses. Co apoio económico da diáspora galega na Arxentina e das Sociedades Hispanas Confederadas nos Estados Unidos, lograron xestionar a saída cara ao exilio en México e Chile nos ‘barcos da liberdade’. Foi esforzo republicano e galeguista desenvolvido en man común no medio de enormes dificultades económicas e políticas, coa derrota final da República e os preparativos da segunda guerra mundial”, resumiu o investigador.

Un deses barcos da liberade era o Ipanema, ao bordo do cal Florencio Delgado Gurriarán chegaría ao exilio mexicano acompañado, entre outros, de Xesús Dopico Ferreira, primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México. Samuel Diz, especializado na recuperación da música orixinal da Xeración do 27 e o legado cultural do exilio do 39, traerá ao simposio a relación inédita entre ambas as figuras. “O de Xesús Dopico é un dos nomes destacados e, paradoxalmente, máis descoñecidos do exilio galego en México”, explica o investigador, que se mergullou en 2017 nos arquivos mexicanos e españois para trazar o percorrido biográfico do músico nado en Ferrol no ano 1902.

Publicidad

O autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas desenvolveu un intenso labor como axente cultural do galeguismo e participou activamente nas iniciativas do Padroado da Cultura Galega canda Xesús Dopico e outros persoeiros. “Un ano despois da súa constitución en 1953, o Padroado publicaría Presencia de Galicia en México, contando a nivel musical coa colaboración de Xesús Bal y Gay, quen asina o texto Alalá y muiñeira e La Generación Gallega de 1925, xunto a un ensaio do propio Xesús Dopico dedicado a Concepción Arenal a carón da Pandeirada  e o Nocturno da noiva jarocha de Florencio Delgado Gurriarán”, repasa Samuel Diz.

En paralelo ao programa radiofónico dominical Hora de Galicia, no que Delgado Gurriarán tivo un papel destacado, a comunidade galega organizou outras actividades culturais, como o concerto ofrecido por Xesús Dopico a beneficio do propio Padroado, xunto aos compositores españois Pablo de Sarasate, Manuel de Falla e Rodolfo Halffter. O programa centrouse nas obras de Haendel e Bach, pero na prensa Horacio Casas, outro dos galeguistas que chegou a América a bordo do Ipanema, avanzaba que Dopico deleitaría o público con algunha obra galega, engade o investigador.

Delgado Gurriarán, Xesús Dopico, Rodolfo Halffter, Xesús Bal y Gay ou María Teresa Prieto e outras das persoas foron acollidas en México, o primeiro país entre os americanos na recepción de españois no momento en que o poeta valdeorrés chegou á outra beira do Atlántico, apuntou Pilar Cagiao. A historiadora abordou na súa intervención a especificidade de México como destino, e non só polo número de exiliados que recibiu e a relación de Delgado Gurriarán coa intelectualidade mexicana. “México foi o país americano máis activo no momento de adoptar unha política oficial respecto do tema dos refuxiados. A política solidaria de Lázaro Cárdenas fixo que a meirande parte de exiliados escollese este destino, incluso moitos que nun primeiro momento optaran por outros países”, detallou a profesora de Historia Contemporánea da USC.

O propio Delgado Gurriarán dedicaríalle ao presidente Cárdenas un poema, “Nenia a Tata [pai en lingua purépecha] Lázaro” en agradecemento por esa política que levou a México unha parte destacada da intelectualidade española que escapou da ditadura. “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bon para nós e para a nazón que nos acolleu. Houbo moitas e diferentes opinións encol de nós na terra anfritrioa, mais se fixésemos un inquerimento sobre eles comprobariamos que foron máis e millores as favorábeis”, reflexionaría tempos despois sobre este fenómeno o propio Delgado Gurriarán no seu discurso de ingreso na RAG como membro correspondente, unha das publicacións da Academia co gallo das Letras Galegas 2022.

A RAG tamén editou Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, volume ao coidado de Ricardo Gurriarán que reúne a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o propio Ricardo Gurriarán lle fixo á dona do homenaxeado, Celia Teijeiro,  en 1998.