A Deputación de Ourense homenaxeará ás cantareiras que mantiveron a cultura de Galicia
A Deputación de Ourense, en colaboración co Concello de Viana do Bolo e a Xunta de Galicia, organiza a oitava edición do Festival Medieval, que se celebrará o vindeiro 19 de abril, a partir das 18.00 horas, na Praza Maior da localidade vianesa. Este certame musical, que reunirá a un cento de artistas, ten o obxectivo de dignificar os cantos de tradición oral. Así, haberá unha homenaxe á memoria de Jacinta Fernández Alonso, cantora de Lentellais (O Bolo).
O deputado de Cultura, César Fernández, destacou na presentación da programación do VIII Festival Medieval de Viana do Bolo a aposta da Deputación pola “promoción das nosas tradicións”, a través de iniciativas coma esta, consolidadas no calendario cultural da provincia.
O director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, foi o encargado de detallar o programa do festival, que contará coa actuación especial de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno.
Foxo puxo en valor a filosofía deste certame musical que “recupera os romances medievais a través desas cantareiras que mantiveron a cultura de Galicia”. Neste sentido, lembrou a importancia das mesmas, ás que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, como as “grandes e mellores informantes·” da nosa tradición.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Marcos Martínez, agradeceu a implicación da Deputación co festival, que supón, dixo, “loitar pola cultura no noso pobo”.
Tamén participou na presentación María Jesús Movilla, presidenta da Coral Candea de Viana, que puxo en valor o evento como “patrimonio cultural de Viana”.
Programa completo
Actuarán no certame, presentado pola xornalista Montse Estévez, os boteiros e os fulións de Viana do Bolo; trompetistas á usanza medieval; David Bellas; Blandina de Cotarós; Lara Sotelo Nogueira; Rogelio de Aceveda; cantareiras da Limia; Fiuca de Trives; Digna de Vilanova de Trives, Nadia Vázquez e a Real Banda de Gaitas da Deputación coa Coral Candea de Viana.
Ademais, poderá seguirse o festival vía streaming a través da web da Deputación de Ourense.