Festas de Santa María en Meda: 25 e 26 de agosto

Publicidad

Haberá unha cea popular, concurso de tortillas, a «Noite do Carro», campionato de bolos, xincana e moita música

A aldea de Meda (A Veiga) prepárase para honrar á súa patroa Santa María os vindeiros días 25 e 26 de agosto. O programa estará repleto de actividades para tódolos públicos, así como moitas novidades para que visitantes e veciños disfruten das celebracións.

O domingo día 25 darase o inicio ás festas, a partir das 21:00H, co I Concurso de Tortillas de patacas con grandes premios para os gañadores. Logo, terá lugar a xa tradicional Cea Popular. Unha actividade que chega este ano á súa terceira edición, contando como novidade coa animación da Discomóbil Danzalia. «Estamos moi contentos co ben que está a funcionar a Cea Popular, e a ledicia que esperta en tódolos veciños e veciñas.» comentan dende a comisión.

A medianoite, terá lugar a «Noite do Carro», un evento único no que os asistentes poderán desfrutar dun percorrido polas rúas da aldea co tradicional carro, anunciando co seu son característico unha nova data festiva. Ao remate, haberá animación musical coa Discomóbil Danzalia no Campo da Festa.

Publicidad

O luns 26 pola mañá, ás 11:00H, a charanga Los Imparables realizará un pasarrúas polas rúas da aldea animando coa música aos veciños e veciñas. Xa ás 13:00H, celebrarase a misa solemne na honra a Santa María seguida da procesión e sesión vermú amenizada pola charanga.

En horario de tarde, a partir das 18:00H, desenvolveranse actividades para tódolos públicos, en concreto, terá lugar o Campionato de Bolos e a segunda edición da Xincana Popular. Ás 21:00H, dará comezo o baile de tarde da man do Grupo Lume. Posteriormente, producirase a entrega de premios e o sorteo das rifas.

A partir da 01:00H comezará a verbena co Grupo Lume, dando paso o fin de festa amenizado pola Discomóbil Opium (Dj Isra) ata que «o corpo aguante».