Será o 16 e 17 de outubro e antes, o 14, haberá na biblioteca a presentación dun traballo de Manuel Monge
A Feira do Libro do Barco celebrase os días 16 e 17 de outubro. Abrirá de 11,00 a 20,30 horas, e instalarase no Paseo do Malecón, na zona do Casino.
Antes, o xoves, 14 de outubro, ás 19,00 horas, na Biblioteca municipal Florencio Delgado Gurriarán presentarase o libro “Os restos do Franquismo”, escrito por Manuel Monge. Trátase dunha actividade organizada polo Ateneo Republicano de Valdeorras. Este libro fai unha análise da situación actual das figuras do Franquismo que seguen homenaxeadas en rúas e prazas pese a que a lei de memoria histórica está en vigor desde o 2007.
Tamén o xoves, ás 20,00 horas, no Teatro Lauro Olmo e organizado polo Cineclube Groucho Marx, proxectarase o filme “Libreiro en Nova York” que se repetirá o domingo á mesma hora.
A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, deu a coñecer que están confirmadas, a día de hoxe, un total de 12 casetas para a feira.
Participan Libraría Murciego, Libraría Praxis, Libraría Celia (Quiroga), xornal O Sil, libraría A Casa Tomada, e libros de Segunda man David. A eles hai que sumar distintos colectivos: A patrulla Felina, Ateneo Republicano, o Instituto de Estudios Valdeorreses e o Cineclube Groucho Marx. Haberá tamén unha caseta para a firma de libros, e outra da Biblioteca Municipal.
As actividades previstas para o sábado son as seguintes:
- 12,30 horas: Sinatura de libros de Estefanía Padullés, ilustradora de libros infantís como “¿A manchas o a rayas?”,” Leopoldo el pequeño monstruo” ou “Un mundo para Maruxa”.
- 17,00 horas: Espectáculo de maxia, escapismo e humor: ”Rogelio, un paisano en recuperación”. Un home que tras levar vinte anos encerrado en casa está a piques de conseguir saír ao mundo exterior.
- 19, 00 horas: Sinatura de libros dos membros do Xurado da III Edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán: Inma López Silva, Xurxo Souto e Raúl Gómez Pato.
O domingo, 17 de outubro o programa é o seguinte
- Apertura da Feira ás 11,00 horas da mañá.
- 12,00 horas: Sinatura de libros da poeta monfortina Monserrat Yoldi Sanmartín, autora de “Coas pálpebras baixas” ou”Cisna na boca”, entre outras obras colectivas.
- 13,00 horas: Recital poético de Andrea Fernández Maneiro, finalista do I Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, acompañada do músico Manuel Dopico Orjales, do grupo A Quenlla. Presentan os textos do seu poemario, “Migratoria” , que a súa autora define como “un espazo poético cheo de fotografías emocionais e axóuxeres da memoria” .
- 20,30 horas: Peche da feira