Día de Galicia: Alfonso Rueda pediu «unha Galicia próspera, mellor, de bos e xenerosos»

Publicidad

A ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago abriu os actos institucionais do 25 de xullo

A ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago de Compostela abriu os actos institucionais do Día de Galicia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu «unha Galicia próspera, mellor, de bos e xenerosos». Este é o decurso que pronunciou durante este 25 de xullo.

Apóstolo Santiago, Patrón de España y de Galicia:

Para un pobo, como o noso, orgulloso das súas tradicións e da súa historia, esta Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago demostra que o discorrer dos séculos é compatible coa pervivencia de ritos e manifestacións que están firmemente enraizados na nosa cultura, na nosa forma de ser e tamén na nosa fe.

Publicidad

Agradezo á súa Maxestade o Rey Felipe VI a encomenda de representalo nesta cerimonia, unha honra que asumo con responsabilidade e con orgullo como representante ordinario do Estado en Galicia, sempre leal á Constitución española e ás institucións que dela emanan e culminan na Coroa.

Para a súa Maxestade o Rey e para a Familia Real invoco, Santo Apóstolo, a túa protección:

Para que continúe desempeñando con acerto e exemplaridade as altas responsabilidades que lle corresponden, especialmente nun momento, como o actual, no que se necesitan -todos necesitamos- referentes de integridade persoal e institucional.

A figura de Felipe VI inspira confianza e emana credibilidade, dentro e fóra das nosas fronteiras. Que así sexa tamén no futuro.

Desde finais do primeiro milenio un fluxo incesante de peregrinos -cada vez máis intenso, é certo, nos últimos tempos- diríxese a esta Catedral, desde os lugares máis variados do planeta, veñen venerar o sepulcro e a memoria do Apóstolo Santiago.

En palabras do profesor Sánchez Albornoz, “milleiros de príncipes, cabaleiros, burgueses, xograres, sacerdotes, abandonaron os seus fogares para percorrer miles de millas por camiños inseguros e difíciles, cruzaron montes e ríos, atravesaron terras xenerosas e tamén terras inhóspitas, sufriron neves, choivas, soles, e aloxáronse onde a ventura procuráballes albergue.

Cubertos cos hábitos humildes do romero, padeceron dores e fatigas para obter o perdón dos seus pecados, solicitar grazas ou agradecer mercés. Fervores relixiosos empuxábanlles cara a Compostela. E esas forzas anímicas deron froitos  na vida literaria e artística, na organización política- social e ata na economía de Galicia, de España e de todo o Occidente”.

Décadas despois de ser formulada, a esencia desta reflexión mantense intacta, e pon de manifesto o carácter imperecedoiro do fenómeno  xacobeo.

A pesar de que non sempre se recoñeza expresamente, a Europa plural e tolerante dos nosos días, que é pioneira na defensa dos dereitos humanos, é herdeira dos valores cristiáns, que son os mesmos que desde os seus comezos inspiran o Camiño de Santiago e as diferentes manifestacións da tradición xacobea.

Con independencia da súa orixe, condición ou razón última que anime a cada quen a emprender o Camiño, todas e todos os peregrinos comparten –  arestora igual que séculos atrás- características e  sentimentos. Sentimentos coma a determinación, a tolerancia, a forza de vontade, a constancia ou a busca da  transcendencia. Todos son valores desde os que superar calquera adversidade que dificulte alcanzar a meta.

O exemplo dos peregrinos que emprenden o Camiño de Santiago debería marcar o noso rumbo á hora tamén de enfrontar boa parte dos retos que cada un ten por diante:

Acerto e determinación para centrármonos no que de verdade importa, nas necesidades reais  das  persoas  ás que  servimos: Ofrecer servizos públicos de calidade, cultivar a cultura do esforzo e a cultura do respecto, afondar na riqueza histórica, cultural e lingüística da que somos depositarios, superar a crise da vivenda, xestionar con éxito os desafíos derivados da irrupción da intelixencia artificial, desterrar para sempre a lacra da violencia -tamén e moi especialmente a da violencia machista-, substituír o insulto polo diálogo e as maneiras de actuar que non son respectables polo respecto para quen pensa diferente.

Acerto, por suposto, para edificar unha sociedade con máis  e  mellores oportunidades,  especialmente  para  a xente nove a para a infancia; unha sociedade igualitaria, na que prevalezan o mérito, a capacidade e o esforzo; pero tamén,  por suposto, unha sociedade solidaria, sempre ao carón do maiores, dos enfermos, das persoas con discapacidade, das que necesitan máis axuda.

Unha sociedade de persoas libres e iguais, na que, coma nos camiños ninguén, sexa máis ca ninguén: todos iguais en dereitos e tamén obrigas, tamén no acatamento e cumprimento da lei; no reparto das cargas tributarias; na distribución dos recursos públicos para equiparar a prestación de servizos ao conxunto do españois; ou na materialización da solidariedade entre territorios.

E inspiración tamén para atopar o necesario punto de equilibrio desde o que regular con acerto a emigración e tamén para rematar coas mafias que se lucran co tráfico ilegal de persoas inocentes que simplemente buscan un futuro mellor para eles e para as súas familias, como fixemos por certo os galegos durante moito tempo, nun pasado non tan lonxano.

E tolerancia para superar a tentación da turismofobia, especialmente nesta Compostela na que, como recordou recentemente o señor arcebispo, “é a Catedral a que crea a cidade”. Pode e debe haber espazo para todos, por suposto, sempre desde o respecto e a tolerancia.

Señor Santiago

Nun mundo asolado por mil e unha convulsións, por guerras devastadoras, por crecentes desastres climáticos, a intolerancia, a codicia, a indiferenza ante o sufrimento dos máis débiles, todo isto nos asola e por tanto invocamos a túa protección para o conxunto da humanidade de maneira que sexamos quen de redescubrir e experimentar o amor, a xustiza, a misericordia e o perdón, característicos todos dos valores cristiáns, e de calquera sociedade que busque o ben común.

Pedimos inspiración e acerto para todos os gobernantes e para cantas persoas  se enfrontan  á toma de decisións que van repercutir na vida dos demais; tamén para o Papa, sucesor de Pedro e conciencia moral da humanidade nun mundo necesitado de referentes.

En una España enfrascada en la polarización extrema, que precisa recuperar la credibilidad y la legitimidad de organizaciones e instituciones manchadas por prácticas impropias de personas decentes, urge una apuesta por recuperar la integridad y el respeto a la ley como patrones de conducta y garantes de un futuro mejor.

Para a Galicia dos nosos días facemos votos, Apóstolo Santiago, para seguir construíndo –coas achegas de todas e todos-  unha  Comunidade aberta, plural, solidaria, que o sexa cada día máis, afastada de calquera experimento que queira poñer en risco os avances logrados neste case medio século de democracia e autonomía.

Unha Galicia próspera, que sexa froito do esforzo compartido de todos: dos poderes públicos, das empresa privada, das persoas traballadoras, dos autónomos, dos asalariados; unha Galicia que respectando a casa común, a natureza privilexiada que nos foi legada, sexa quen de sacar proveito dos seus recursos naturais para mellorar a vida da xente.

Unha Galicia, en definitiva, de “bos e xenerosos”, unha Galicia mellor que a de onte, pero coa seguridade de que novas oportunidades están por chegar que nos farán mellores.

Ultreia  et  Suseia / Buen  Camino para todos!