Día da Constitución en Ourense no seu 46 aniversario

Publicidad

Durante a celebración procedeuse á entrega dos premios do Concurso que organizou a Subdelegación do Goberno

Este 6 de decembro, Día da Constitución, subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor a Carta Magna “que compromete no esencial”. Así o expresou durante o acto de conmemoración do 46º aniversario da Constitución Española, organizado pola Subdelegación do Goberno e celebrado esta mañá no Auditorio Municipal de Ourense, contando coa interpretación musical da Banca Cultural de Barbadás, baixo a dirección de Celso Nieto Rodríguez.

Durante o seu discurso, Eladio Santos lembrou que a Constitución “é como un acordo de mínimos, escrito entre todos os individuos dun pobo, para asegurarnos de que ninguén tome as decisións por nós. A Constitución protéxenos fronte á tiranía”.

Ademais, fixo fincapé no concepto da igualdade, que xa está presente nas primeiras constitucións da historia. “É unha idea rompedora, é o motor do cambio: todos os individuos son iguais, coas mesmas oportunidades e os mesmos dereitos. Unha ambición que cambiaría o mundo. Cambiou a maneira de pensar das persoas, as súas ambicións, os seus proxectos, a maneira de relacionarse. A igualdade é dignidade”, lembrou.

Publicidad

Durante o acto procedeuse á entrega dos premios da 40ª edición do Concurso da Constitución Española que organiza a Subdelegación do Goberno en Ourense, que recaeron en 20 alumnos e alumnas da provincia polos seus debuxos, fotografías e vídeos, centrados no artigo 47 da Carta Magna: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada”.

Concedéronse 10 premios na categoría de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, que recibiron un agasallo e un exemplar da Constitución Española; e 10 na categoría de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato, Ciclos Medios de Formación Profesional e a Universidade. Estes alumnos resultaron premiados cun bono cultural e tecnolóxico.

O subdelegado do Goberno agradeceu a participación a todo os colexios e institutos, e sinalounos como “os auténticos protagonistas deste acto”. 

Ademais, lembrou o estreito vínculo da Constitución coa sociedade actual, “nestes tempos de crispación, mellor a colaboración e coordinación;  fronte aos embustes, dereito á información veraz; fronte á ignorancia, dereito á educación;  fronte á manipulación, ciencia; e fronte á especulación, dereito á vivenda, si, a vivenda como dereito”, recalcou.

Pola súa banda, os recoñecementos neste 46º aniversario da Constitución foron outorgados a AODEMPER, por atender as necesidades das persoas con Esclerose Múltiple, Párkinson e enfermidades raras e dos seus familiares, mellorando a súa calidade de vida; POR ELES TEA OURENSE, por loitar na procura da plena integración social dos nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista; e a Francisco Nóvoa Rodríguez, pola súa ampla contribución á formación, cultura e actividade social ourensá ao longo de máis de medio século de traxectoria profesional.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, tamén participou esta mañá ao acto institucional de conmemoración da Constitución Española, onde subliñou “a importancia e a vixencia do texto constitucional que nos fixo convivir en paz e en progreso”; por iso, engadiu o delegado territorial, “manter os valores que representa a nosa Constitución: igualdade, liberdade, xustiza e pluralismo político, implica un compromiso persoal por parte de todos e cada un de nós”.

Tamén estiveron outros representantes da provincia como o presidente da Deputación, Luis Menor e o alcalde de Ourense, Pérez Jácome.