«Compromiso na distancia», a exposición sobre Florencio que comenza en Vilamartín

Publicidad

A mostra quedou inaugurada ca presencia do secretario xeral de Cultura e percorrerá 10 localidades ata decembro

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Vilamartín de Valdeorras na inauguración da exposición itinerante «Compromiso na distancia», unha das iniciativas da programación especial das Letras Galegas 2022 que levará o legado de Florencio Delgado Gurriarán por 10 localidades galegas ata decembro.

No acto estiveron o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández; o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde do Barco, Alfredo García e a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista. Tamén acudiron concelleiros da Corporación de Vilamartín e veciños e veciñas do municipio.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que esta exposición supón para “descentralizar a actividade das Letras e promover o legado de Florencio Delgado Gurriarán en distintos lugares de Galicia”. Neste sentido, puxo de manifesto a importancia de escoller como primeira parada da mostra a vila natal do autor, que ten especial protagonismo na programación.

Publicidad

Anxo M. Lorenzo valorou a actividade que se está levando a cabo este ano cun amplo abano de máis de 150 accións dedicadas á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista impulsadas pola Xunta, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos.

“Están pensadas para toda a cidadanía e desenvólvense ao longo de todo o ano coa intención de poñer en valor o papel esencial que o autor xogou na divulgación do galego e da nosa cultura ao longo do século XX”, indicou.

O vicepresidente da Deputación, César Fernández, dixo que as Letras Galegas permiten «rescatar a importantes intelectuais da literatura galega que non tiñan o recoñecemento ou proxección». Lembrou que Florencio, agora mais coñecido, foi unha proposta da propia sociedade e dos concellos e dixo que este ano é para celebrar.

Pola súa banda, alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, iniciou a súa intervención homenaxeando as mulleres de Córgomo polo traballo que están a desenvolver para embelecer o pobo. Falou de Florencio, do que dixo, no so recollía temas como o do viño senón outros como o amor, a paisaxe, un todo que levou o rexedor a recitar uns versos do poeta do Córgomo.

Da infancia á madurez

Compromiso na distancia abre hoxe no Centro Cultural de Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras e permanecerá aberta ao público ata o 29 de maio. Consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

O texto central e a documentación correu a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Tras o seu paso por Vilamartín de Valdeorras percorrerá diferentes localidades galegas, con itinerancias en concellos da Rede de Dinamización Linguística e en bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, tras o seu paso por Valdeorras chegará a Santiago de Compostela, para continuar na Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Enmárcase nas diferentes accións programadas este ano polas Letras Galegas, que ademais de exposicións tamén inclúe actividades de carácter participativo, como lecturas públicas, espectáculos, rutas educativas pola comarca de Valdeorras, concursos de podcast ou a tradicional Carreira das Letras, entre outras iniciativas.