27.4 C
O Barco de Valdeorras
sábado, mayo 30, 2026

Christian Escuredo brindou por Valdeorras poñendo en valor a terra, viño, memoria e vida

Publicidad

O actor pronunciou o pregón da Feira do Viño: «síntome orgulloso de levar o sempre na boca, vaia onde vaia, a Valdeorras»

Oactor barquense Christian Escuredo pronunciou o pregón da XXVII Feira do Viño de Valdeorras. Fíxoo co talento e simpatía que o caracterizan, cun canto á súa terra, aos seus, á cultura do viño de Valdeorras; con personalidade, infundindo ese mesmo carácter personal, fresco e divertido e cheo de humor á feira do viño.

Christian Escuredo comezou felicitando á Denominación de Orixe Valdeorras polo seu 80 aniversario. Antes dixo que o pregón estaba escrito «por min, non pola IA» reafirmando que «ser pregoeiro desta festa faime moita ilusión, non só por ser veciño, senón polo orgulloso que me sinto de levar sempre na boca, vaia onde vaia, a Valdeorras. E porque tamén me gusta o viño, non o imos negar».

Seguiu coa «V» de Valdeorras porque «din que todo o bo empeza por V: vacacións, viaxes, os venres, veu! e, por suposto, Valdeorras, valdeorresas e valdeorreses».

Publicidad

Lembrou que godello é internacional e «xa se regodellan ata en Nueva York. O problema é que lle botan un un xeo na copa. Chámanlle White wine on the rocks. Manda carallo!», espetou.

Si a uva godello é de Valdeorras, tamén é certo que «o viño aumenta as probabilidades de comunicarse mellor noutros idiomas, ¿quen non fala mellor cunha copa? Eu, polo menos, se bebo dous viños cántovos en arameo», indicou.

O seu avó Domingo, de Soulecín

O pregoeiro da feira do viño fixo referencias as súas vivencias, facendo referencias ao seu avó Domingo, de Soulecín: «O viño tinto podería ser a clave para unha vida máis longa, que llo digan ao meu avó…Por algo será!», subliñou relatando anécdotas como cando o médico recomendou a Domingo beber un só vaso de viño ao día e iste fíxose co vaso máis grande atopado. «Na miña casa o viño é tradición».

«A xente de Valdeorras somos de boa cepa»

Christian Escuredo falou de que «a beleza dun lugar está na xente que o habita, como a xente de Valdeorras» e «de nós poderíase dicir que somos de boa cepa, e se non que llo digan a nosas viñas que, a pesar dos incendios, grazas a elas moitas aldeas víronse protexidas. Tamén grazas a moitos voluntarios e voluntarias. Pero non quero poñerme serio, para iso xa están os políticos. De incendios, hai moito máis que facer e menos que dicir».

Christian Escuerdo dixo que as viñas non son so paisaxe, senón tamén «memoria, cultura, vida e, sobre todo, traballo e se non que llo digan ao meu avó, que sempre me dicía que se ía a invitar aos meus amigos de fóra a vir a Valdeorras, case mellor que fose en setembro, que así podía levalos á vendima».

Falou dun «estudo moi interesante que tentou facer o Consello Regulador. A pregunta de investigación era: Que pasaría se deixásemos de tomar viño durante 30 días? A conclusión: nunca o saberemos».

Porque Valdeorras é viño, viño que levou á propia vida: «Para saber si estás coa persoa correcta hai que facerlle caso a este dito: «Fica con quen, sabendo como te pos, segue botándoche viño na copa».

Christian Escuredo fixo aflorar o humor ao longo do pregón: ¿Sabes como se bebe a garnacha tintureirade Valdeorras? Sen roupa, porque mancha.

«O viño sálvanos»

O pregoeiro indicou que «Din que nos move o amor, que nos empuxa o licor café pero que sempre nos salva o viño. Tamén din que viño e queixo saben a bico, pero sabede que, se non hai «bico», pois dobre de viño, ¡que carallo!

Engadiu que «bebemos viño porque é unha escusa perfecta para reunirnos e falar, porque todos temos un viño pendente con alguén (…) O viño non emborracha, o viño ponte máxico, tan máxico que hai conversas que sen viño nunca empezarían».

«Cando abrimos unha botella, detrás hai unha historia. Por iso, e por moitas máis razóns que soamente saberedes vós, non hai viño que por ben non veña», expresou.

Concluiu: «Non deixedes para mañá o viño que poidades beber hoxe. Disfrutade, brindade, vivide a feira a modiño e sen mancarse, facede desta festa un espazo libre de violencias e lembrade que mentres haxa unha botella aberta e boa compañía, Valdeorras, sempre, estará na casa».

E como decía o seu avó, «se hai troula, boa xente e viño, cantemos o Miudiño», e Christian Escuredo, cantouno.