Asamblea da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais no CEIP Julio Gurriarán do Barco

Publicidad

Será o sábado 2 de xullo, renovará a Xunta directiva, actualizará estatutos e presentará programas para o próximo curso escolar

O CEIP Julio Gurriarán, no Barco de Valdeorras, acollerá este sábado 2 de xullo a Asamblea da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Ourense, FAPA As Burgas. Están convocados un cento de representantes doutras tantas ANPAS integradas nesta Federación.

Na orde do día da asemblea, aparte da aprobación se procede de contas e presupostos, figura unha proposta de actualización dos estatutos para adaptalos a novidades lexislativas e cambios ou ampliacións nas actividades da FAPA.

A Xunta directiva, presidida por José Antonio Álvarez Caride, opta á un novo mandato incorporando xente con ideas e gañas de traballar a prol dun ensino público de calidade.

Publicidad

Despois da asemblea presentarase aos asistentes o proxecto de Escola de Pais e Nais Pola Igualdade de Xénero a desenvolver entre setembro e novembro próximos en nove sesións en centros de Ourense, O Carballiño, Ribadavia, Celanova, Allariz, Maceda, Xinzo de Limia, Verín e O Barco de Valdeorras. Este proxecto pretende orientar ás familias na “co-educación” e na promoción de condutas acordes ca igualdade de xénero e a prevención.

Tamén, a citada iniciativa busca proporcionar estratexias para a prevención e detección de condutas agresivas e violentas e, de maneira particular, formar ás familias, nais, pais e titores ou titoras na prevención do acoso e a prevención de condutas no uso das redes sociais e novas tecnoloxías da comunicación, en particular aquelas que xeneran problemas de convivencia como o machismo, a xenofobia e a violencia de xénero.

Ás 12.30, no propio CEIP Gurriarán, a compañía Excéntricas, dos cómicos Josito Porto e Víctor Mosqueira, representarán Cartoóns, un espectáculo cómico-clown silencioso, que berra a prol da reciclaxe, a natureza e a solidariedade.

A FAPA As Burgas iniciará no encontro do Barco unha nova edición do programa Escolares Camiñando en Familia coa realización dunha andaina de 5 quilómetros do Camiño de Inverno polas arredores da vila. Esta actividade terá continuidade durante xullo e ata o outono, con camiñatas en días salteados, seguindo etapas da Vía da Prata, para chegar a Santiago de Compostela o 8 de outubro.

As etapas están concibidas para poder realizalas en grupos de familias, con nenos, coñecendo a riqueza patrimonial e espiritual do camiño e a experiencia de compartilo.

Os participantes no encontro da FAPA As Burgas de de O Barco coñecerán tamén o Obradoiro de Xogos Populares, coidando as nosas tradicións que a Federación levará por distintos centros escolares o próximo curso escolar.