As Noites de Florencio achegan Os Furafollas a Córgomo e Aldaolado, a Vilamartín

Publicidad

O venres 19 e o sábado 20 de agosto haberá teatro, poesía, música e humor no municipio

Os Furafollas volven a Córgomo e as Aldaolado volven a Florencio. Esta fin de semana todo son reencontros en Vilamartín de Valdeorras onde teatro, poesía, música e humor xúntanse para pechar como merece o apartado teatral das noites de Florencio. E será con dúas propostas aliadas das Letras de Florencio.

Por unha banda Os Furafollas, agrupación barcelonesa liderada por Anxo Baranga e que colaborou dende o seu inicio nas Xornadas de Teatro de Córgomo que devolveron o poeta á actualidade e das que estas Noites de Florencio son herdeiras. E por outra, Lucía Aldao e María Lado, artistas que xa participaron en dúas galas do proxecto.

A programación desta fin de semana tan teatreira comeza o venres 19 ás 22,00 horas da noite na Aira dos Bolos de Córgomo, onde o público será convidado a percorrer a vila para ir atopando diferentes propostas escénicas nun novo Teatro encontro con Florencio, da compañía Furafollas.

Publicidad

Segundo explicou Anxo Baranga, os seus integrantes estarán repartidos por Córgomo para ir botando contos a quen se achegue, favorecendo a interacción co público e a espontaneidade. «En realidade cos Furafollas nunca sabes moi ben o que pode pasar así que será unha sorpresa para todos», asegurou Baranga, quen nesta ocasión non poderá participar como actor pero que fará de anfitrión da velada.

O sábado 20 a convocatoria volve ser en Córgomo cos Furafollas con outra proposta escénica: A taberna canto conto, un formato tamén moi interactivo ao que volven convocar ás 12.30 na Aira dos Bolos. Esta dobre cita é o regreso dos Furafollas a Valdeorras máis dunha década despois da súa última actuación na comarca para reivindicar as artes vivas e a poesía de Florencio. Anxo Baranga destacou que non podía faltar neste 2022 despois «de tanta ilusión posta na recuperación da obra e da figura de Florencio».

As poetas Lucía Aldao e María Lado levan xa unha longa traxectoria como escritoras e creadoras de diversos espectáculos escénicos nos que a poesía, a música en directo e o humor son a base. Nesta liña presentan Furia necesaria un título que se opón a esa imaxe de amor e tenrura da que tanto se abusa no xénero lírico, e que as poetas toman da obra de Lois Pereiro, de quen aprenderon que a rabia tamén pode dar bos versos.

Con esta proposta subirán ás táboas na praza José Luis Núñez de Vilamartín o sábado 20 ás 21.00 horas, na que será a súa terceira visita a Valdeorras convocadas polas Letras de Florencio, despois de presentar a gala do I Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán no 2018 e a do Cinema de Florencio no 2019.

A súa actuación pecha esta recta final das Noites de Florencio que rematarán o último fin de semana de agosto cun concerto de Sr Jingles e un xogo de pistas para a rapazada.