As aldeas modelo, exemplo a seguir en Castela e León

Publicidad

Un grupo castelán-leonés visitou a Meixide (A Veiga) e a de Penedo (Boborás)

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitaron a aldea modelo de Meixide (A Veiga), acompañados dunha delegación do Goberno de Castela e León que se atopa de visita en Galicia. A estadía en Galicia deste grupo castelán-leonés, encabezado polo director general de Patrimonio Natural y Política Forestal, José Ángel Arranz, ten por obxecto coñecer a organización e funcionamento de diferentes departamentos da Consellería do Medio Rural relacionados co desenvolvemento rural e co eido forestal.

Así, no programa incluiuse o achegamento á experiencia galega das aldeas modelo. No caso da de Meixide, xa se atopa en produción, con aproveitamento de vacún en extensivo. Abrangue unha superficie de 71,25 hectáreas arredor do núcleo de poboación que busca dinamizar, distribuída en 646 parcelas de 151 propietarios.

Visita do grupo de Castela e León en Boborás

Ademais deste núcleo do municipio da Veiga, o grupo fixo un percorrido pola aldea de Penedo, no concello de Boborás, na que estivo tamén o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Neste caso trátase dunha superficie de 23,41 hectáreas e de 665 parcelas de 131 propietarios. A súa orientación produtiva céntrase no porco silleiro en extensivo.

Publicidad

A directora xeral explicou aos integrantes da delegación castelá-leonesa as características e obxectivos da iniciativa das aldeas modelo. Así, trasladoulles que esta figura foi creada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e persegue xerar actividade agrogandeira na contorna dos núcleos de poboación para dinamizar a súa economía e, ao tempo, facer unha prevención sustentable en materia de incendios forestais.

Precisamente, a loita contra os lumes en particular e as políticas forestais da Xunta en xeral centrarán o resto da visita da delegación da comunidade castelá-leonesa a Galicia, mediante encontros cos directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como co director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.