O que foi alcalde popular do municipio ata agora fixo balance da súa xestión e lamentou que PSOE e BNG «sempre preferiron entorpecer máis que solucionar os problemas que lle afectan á veciñanza de Viana»
O Concello de Viana do Bolo acolleu o pleno extraordinario no que se votou a moción de censura presentada polo PSOE e o BNG e que supuxo a saída do goberno municipal do alcalde popular Andrés Montesinos.
O rexedor saínte, na súa intervención, explicou que esta moción «non responde á falta de xestión, senón á obsesión de dous grupos políticos por desaloxar a un goberno honesto, capaz e traballador».
Andrés Montesinos fixo un pormenorizado repaso da acción do goberno municipal, destacando entre outros aspectos as melloras de infraestruturas e servizos municipais, ao tempo que agradeceu aos traballadores do Concello e aos voluntarios de Protección Civil o seu labor e apoio, así como aos concelleiros que conformaron o goberno municipal.
Montesinos quixo facer referencia expresa a dous asuntos clave na súa xestión: a solución do problema co Servizo de Axuda no Fogar e a aprobación dos orzamentos no pasado mes de xullo, que tiveron o voto en contra do PSOE e do BNG. Lembrou neste asunto que foron semanas «intentando negociar cun portavoz do PSOE que non escoitaba para entender, senón que prefería máis entorpecer que solucionar os problemas que lle afectan á veciñanza de Viana».
Neste sentido, o alcalde saínte amosou o seu convencemento de que o acontecido hoxe en Viana «é algo que xulgarán as urnas en menos de dous anos» e avanzou que tanto el como o seu equipo continuarán a traballar por Viana «sen descanso, con lealdade e compromiso cos nosos veciños e veciñas, como sempre fixemos».
Desde a presidencia provincial, Luis Menor fixo chegar a Andrés Montesinos unha mensaxe de agradecemento polo excelente labor desenvolvido neste tempo á fronte do goberno local, subliñando que fronte a acordos que só buscan réditos partidistas, o Partido Popular sempre demostrou ser un partido de goberno que pon o foco nun único obxectivo: a mellora continua da calidade de vida da veciñanza.







