Ana Pontón (BNG) reclama unha solución inmediata para o servizo de Pediatría no Barco

Publicidad

Mantivo un encontro con nais e pais no Barco e logo visitou A Rúa

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Goberno de Rueda unha “solución inmediata” para os 2.600 nenos da comarca de Valdeorras que están a sufrir o “desmantelamento progresivo” do servizo de pediatría. “Esiximos unha solución inmediata que pasar por dotar ao centro de saúde de O Barco das tres prazas de pediatra que lle corresponden, porque non pode haber nenos e nenas de primeira e de segunda, e non podemos permitir que os nenos e as nenas que viven no rural sexan discriminados”, asegurou.

Pontón fixo estas declaracións tras o encontro que mantivo en O Barco co pais e nais dos concellos desta comarca para abordar a situación do servizo de pediatría no centro de saúde do Barco, que centraliza a atención aos nenos deste concello pero tamén de A Rúa, Viana do Bolo, Petín da Veiga, Manzaneda, Vilamartín, Rubiá, Carballeda, O Bolo e Larouco, dez en total.

Segundo criticou a líder do BNG, malia que o centro de saúde de O Barco ten asignadas tres prazas de pediatría, a día de hoxe só hai unha cuberta e o seu titular xa ten comunicado que se xubilará a finais de outubro. “Polo tanto, ou se da unha solución inmediata ou os 2.600 nenos e nenas de Valdeorras quedarán sen pediatra”, advertiu.

Publicidad

Unha situación que se suma, engadiu, ás longas distancias que teñen que percorrer moitas das familias da comarca para desprazarse até o Barco, nalgúns casos até 50 quilómetros e tempos de viaxe de noventa minutos de ida e volta. “Todas as que somos nais e pais podemos imaxinar a angustia que provoca ter que recorrer 50 quilómetros cando o noso fillo ou a nosa filla ten que ir ao médico”, lamentou.

A portavoz nacional, que anunciou que o BNG levará ao Parlamento iniciativas para reclamar máis pediatras para Valdeorras, criticou que o Goberno do PP “permaneza xordo” diante das peticións das nais e dos pais desta comarca, amosando un total desprezo e unha total falta de sensibilidade coa situación de indefensión sanitaria que sofren na comarca e que están a soportar, engadiu, os recortes na sanidade pública. “Levamos anos vendo como o PP desmantela os servizos públicos, e iso ten consecuencias moi graves, como que en Galiza haxa 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado”, agregou.

Visita ao Concello da Rúa

Tras a reunión cos pais e nais no Barco, Pontón desprazouse á Rúa para manter un encontro institucional ao concello e coñecer de primeira man os proxectos que está desenvolvendo o goberno local que lidera a alcaldesa María Albert, «que xa demostrou en pouco máis dun ano a súa capacidade para poñer en marcha melloras importantes para os veciños e as veciñas», subliñou. Como exemplo diso, Pontón referiuse á apertura do albergue de peregrinos, “todo un símbolo dun goberno que funciona” pois, lembrou, foi o anterior goberno liderado polo BNG o que impulsou a súa rehabilitación e logo de catro anos nos que estivo paralizado agora empezou a funcionar para impulsar o potencial turístico da zona e dinamizar a súa economía.

Ademais de visitar o concello e o albergue de peregrinos, Pontón aproveitou a súa estancia na Rúa para manter encontros co tecido empresarial local visitando Autoneum, unha das empresas máis importantes do concello, que opera no sector da automoción con 200 empregos directos e que supón unha demostración, subliñou, de que o rural tamén pode ser un  lugar con actividade económica e empresarial punteira.

A primeira vivenda social en réximen de alugueiro na Rúa

A alcaldesa da Rúa, María Albert, destacou pola súa banda a posta en marcha a posta no mercado onte mesmo da primeira vivenda social municipal do concello en réxime de alugueiro, dando resposta a “unha demanda social nun concello que sorprendentemente, malia ter máis de mil inmobles baleiras, non ten case oferta en alugueiro, o que fai difícil o acceso a unha vivenda”.

“Será a primeira vivenda municipal, pero haberá máis”, expresou a rexedora do BNG, que defendeu o labor do Goberno local para dar resposta ás demandas sociais dos veciños e as veciñas da Rúa, demostrando que “hai outra forma de gobernar”.