A Xunta solicita licenza de obra para licitar o novo centro de saúde da Rúa

Publicidad

O conselleiro de sanidade reuniuse co alcalde, Álvaro Fernández, para ultimar os trámites deste proxecto que ten un custe de 2,4 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo unha visita ao Concello da Rúa na que informou ao seu alcalde, Álvaro Fernández, de que nos próximos días a Xunta solicitará formalmente a licenza de obra do novo centro de saúde, logo de completar a supervisión do proxecto arquitectónico.

O outro requisito pendente para iniciar a licitación da obra era a formalización da cesión da parcela por parte do Concello. Despois da súa aceptación polo Consello da Xunta o mes pasado, o goberno local completou o proceso de cesión, como se certifica no documento notarial entregado polo alcalde ao conselleiro.

A finalización destes dous trámites paralelos abre o camiño para que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), órgano da Xunta que ten encomendada esta actuación, poida licitar o contrato de obra. A AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xa foi a encargada de licitar e adxudicar ao longo de 2022 o proxecto arquitectónico do centro, cuxo contido xa foi compartido co alcalde o pasado mes de xaneiro por parte da conselleira Ethel Vázquez.

Publicidad

O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 2,4 millóns de euros, contará cunha superficie construída de máis de 1.000 m2. As instalacións constarán dunha área de adultos con 3 consultas de medicina xeral e unha sala polivalente que pode serusada como consulta médica; 3 consultas de enfermaría, e una sala de técnicos.

Tamén haberá unha área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos e disporase dunha área da muller cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

Iso significa para a poboación de A Rúa non só duplicar a superficie do actual centro de saúde, senón incorporar espazos que non existen agora como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou un despacho de traballo social.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O centro de saúde de A Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Este documento definía a actuación en A Rúa como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónicas no actual centro e propoñía como alternativa un novo edificio co mencionado Plan Funcional.

A execución desta infraestrutura sanitaria é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril de 2021, e conforme ao cal o concello adquiriu e urbanizou, co apoio da Deputación de Ourense, unha parcela destinada a cederse á Xunta para a construción deste centro.