A Xunta aproba o proxecto básico do centro de saúde da Rúa

Publicidad

Ultima a redacción do proxecto de execución que contará cun presuposto de 2,4 millóns de euros

A Xunta vén de aprobar o proxecto básico do novo centro de saúde do concello da Rúa. Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, nunha reunión celebrada esta semana.

Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que este proxecto define unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións.

Precisou que unha vez realizada esta aprobación, a Xunta está a avanzar na redacción do proxecto de execución, que se prevé que sexa entregado nas vindeiras semanas para ser supervisado e aprobado, o que permitirá a licitación da execución da obra.

Publicidad
Publicidad

O Goberno galego prevé un orzamento de 2,4 millóns de euros para a execución das obras do novo centro de saúde da Rúa, que duplicará a superficie actual pasando dos 490 m2 a máis de 1.000.

A conselleira explicoulle ao rexedor que o complexo constará dunha área de adultos con 3 consultas de medicina xeral e 1 sala polivalente que pode ser usada tamén como consulta médica; 3 consultas de enfermaría, e 1 sala de técnicas. Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos.

Publicidad

O novo centro de saúde, segundo concretou Ethel Vázquez, tamén disporá dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

A execución desta infraestrutura sanitaria é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril do pasado ano e conforme ao cal o Concello adquiriu e urbanizou, co apoio da Deputación de Ourense, unha parcela destinada a cederse á Xunta para a construción deste centro.

Publicidad

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 108 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as obras que están en marcha coas que, en total, a Administración autonómica investiu, nestes 13 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia.