A Rúa inaugurou as Xornadas Florenciófilas que despiden as Letras de Florencio

Publicidad

Hoxe prosiguen en Petín e no Barco e mañá en Biobra (Rubiá)

As Xornadas Florenciófilas comenzaron en A Rúa cun cheo absoluto de público no Centro Cultural Avenida e a presenza do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; o catedrático Xesús Alonso Montero e o doutor en filoloxía galega Xosé Ramón Pena —autores de dúas antoloxías sobre Florencio Delgado Gurriarán publicadas este mesmo ano—; Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As letras de Florencio e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

O simposio, organizado desde o proxecto As letras de Florencio co apoio da Xunta, a Real Academia Galega (RAG), a Deputación de Ourense, o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto de Estudos Valdeorreses e os concellos da comarca de Valdeorras, reunirá durante a fin de semana a 12 expertos en investigación e na cultura e lingua galegas, que supón o peche ao ano das Letras de Florencio Delgado Gurriarán, que cede o testemuño este 2023 a Francisco Fernández del Riego.

As xornadas contaron ca presenza dos alcaldes de A Rúa, Vilamartín; a alcaldesa de Petín, concelleiros e concelleiras do Barco, veciñas e veciños de Valdeorras, entre outros asistentes.

Publicidad

Valentín García lembrou que “con Florencio Delgado Gurriarán rendémoslle homenaxe tamén ás persoas que levaron consigo ao exilio, e alí mantiveron e defenderon, a lingua galega, e, como non, tamén ás terras de Valdeorras das que a súa poesía nos fala con frecuencia”.

A mesa literaria fixo un repaso a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán. Xosé Ramón Pena, autor de Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, afondou nos “Poemas mexicanos” de Delgado Gurriarán. Víctor F Freixanes lembrou os motivos que levaron á RAG para adicarlle o Día das Letras Galegas 2022 e falou do exilio en México. Xesús Alonso Montero, repasou o “Cancioneiro da loita galega” e outros libros publicados en Sudamérica.

Un acto cultural no que tamén houbo petiscos para compartir, falar e despedir o ano de Florencio Delgado Gurriarán, o primeiro autor valdeorrés ao que se lle adicaron as Letras Galegas.

As Xornadas Florenciófilas prosiguen esta fin de semana en Petín, O Barco e Rubiá.

O programa seguirá este sábado 19 coa mesa da historia, que terá lugar no Teleclub de Petín, ás 12,00 horas, coa participación de Telmo Fernándes, licenciado en Historia; Aurora Marco, catedrática de Didáctica da Lingua, e Camilo Valdehorras, doutor en Filoloxía Románica, para falar do exilio e da posguerra vividos por Delgado Gurriarán.

Hoxe sábado pola tarde, a Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, acollerá a mesa da lingua, a partir das 19,00 horas, na que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Concepción Álvarez, doutora en Filoloxía Galega, e Francisco Cobo, investigador barquense, analizarán a obra do escritor do Córgomo.

O simposio concluirá finalmente a mañá do domingo cunha mesa das artes que acollerá o centro de interpretación do parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Biobrá (Rubiá). Para esta última charla, a actriz Raquel Queizás, o produtor Domingo D. Docampo e o músico Ramiro Núñez falarán das distintas adaptacións da vida e obra de Florencio a diferentes soportes e formatos como o teatro, o audiovisual ou a música.

A asistencia ás xornadas é de balde e de libre acceso ata encher a cabida dos locais.

Ademais, ao rematar cada unha das mesas, os asistentes poderán gozar dunha degustación dos produtos gastronómicos máis representativos da comarca de Valdeorras.

As Xornadas Florenciófilas pechan o ano de Florencio Delgado Gurriarán e das Letras en Valdeorras e Galicia.