Será o 19 e 20 de outubro con degustación de produtos tradicionais, exposición de gando, exhibición de cans de pastoreo, cata de viños, photocall e moitas actividades
A Deputación de Ourense colabora, a través do Inorde, coa IV edición de «Crianza Trevinca», unha feira con exposición agrogandeira que recupera o espíritu máis tradicional de A Veiga e de toda a comarca de Trives. Esta cita, pensada para toda a familia, terá lugar a fin de semana do 19 e 20 de outubro.
Na presentación da IV Crianza Trevinca participaron o deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o alcalde da Veiga, Juan Anta.
Rosendo Fernández definiu a Crianza Trevinca como «exemplo para recuperar, manter e conservar viva a tradición rural. A singularidade rural da montaña e da gandeiría». Tamén quixo enxalzar o esforzo do alcalde da Veiga, Juan Anta, «que fai o indecible para reivindicar e traballar desde a singularidade dun territorio, mantendo e potenciando o xeito de vida destas terras», e lembrando que «quen perde a memoria perde a súa identidade, algo que non é o caso da Veiga».
Juan Anta, pola súa banda, puxo en valor esta feira, polo seu carácter tradicional e pensado para o desfrute de toda a familia, conectando directamente co modo de vida onde a montaña e a gandeiría, que son as súas razóns de ser.
O éxito obtido en edicións anteriores, onde se recibiron máis de 4.000 visitantes, leva a darlle continuidade a esta feira. O obxectivo é revalorizar e seguir impulsando a figura das persoas gandeiras, agricultoras e artesáns, catalogándose como unha homenaxe cara a aquelas que dan alma, valor e vida ao noso territorio, promocionándose tamén a vida no ámbito rural.
Programa
Durante toda a fin de semana haberá de xeito permanente exposición de gando, razas autóctonas e maquinaria agrícola. Stands de produtores locais e do sector primario, xunto con stands de artesanía e oficios tradicionais.
O programa conta con actividades xa asentadas pola boa aceptación de anos anteriores como o espectáculo ecuestre, talador de madeira. degustacións de produtos locais (carne, faba loba, mel Montañas de Trevinca, etc.), recuperación do oficio tradicional da malla, etc.
Novidades
Na programación deste ano inclúense algunhas novidades de cara a abrir a exposición cada vez a un público máis amplo. Contarase cunha exhibición de cans de pastoreo, exposición de maquinaria agrícola antiga local e tamén, en colaboración coa Denominación de Orixe Valdeorras, catas de viños maridados con produtos locais.
Contarase co photocall Crianza Trevinca, onde todos os visitantes se poderán facer como recordo unha foto da feira. Mantéñense os xogos tradicionais, o concurso Acarabuñando a Gadaña e xogos de bolos, entre outros.
E sen esquecer, a zona infantil “Espazo Crianciñas Trevinca“ durante toda a fin de semana, onde nenos e nenas desfrutarán de hinchables, xogos tradicionais, talleres de chapas, elaboración de chaveiros, pintacaras e ata deseño das súas propias mochilas como agasallo.
Haberá zona de restauración con bares e restaurantes, onde poder degustar a gastronomía local.
Tamén estará presente a Food Truck “Galicia Sabe A Mar”, da Consellería do Mar, para a posta en valor dos produtos da terra e do mar.