Vía Galega chamou a este acto co obxectivo de difundir e popularizar os símbolos nacionais
Vía Galega chamou esta semana a izar a bandeira de Galicia e hoxe, sábado, foron convocados máis de 30 actos, un deles no Aguillón, na Rúa, acto que nesta localidade foi secundado polo BNG.
Estes actos encádranse na campaña que vén desenvolvendo «para difundir e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, os que nos representan e identifican como Nación», expón.
Xa van catro anos desde que Vía Galega escolleu unha data arredor do 17 e 18 de novembro para realizar estes actos co obxectivo de render homenaxe á I Asemblea Nacionalista de Lugo celebrada en 1918 nesas datas. «Hai 107 anos, as mulleres e homes das Irmandades da Fala, recollendo o facho de persoas como Antolín Faraldo, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro nomeáronse, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos», expón.
«Aquel manifesto-programa reivindicaba para Galiza a súa autonomía integral, defendía a igualdade de dereitos para as mulleres, esixían o uso do galego na administración, na educación e na xustiza ou un réxime tributario propio. Como se pode observar, moitas das propostas e reivindicacións recollidas naquel manifesto continúan estando en plena vixencia e formando parte das reivindicacións actuais», engade.
A bandeira ondeou como símbolo de unión e afirmación patriótica dun pobo na que tamén se tivo presentes «aos nosos irmáns palestinos, un pobo que coma Galiza, ten vontade e arelas de ser libre».
Vía Galega considera que é necesario e urxente modificar a Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso Himno, tal e como foi escrita por Eduardo Pondal.






