A entidade, presidida polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, abordou cuestións relativas ao funcionamento interno e aprobou o informe de contabilidade do 2024
O Concello de Silleda acolleu hoxe a celebración da Asamblea Xeral Ordinaria da Asociación de Camiños de Inverno que agrupa a unha vintena de entidades locais das 4 provincias galegas e da comarca de El Bierzo, en León. A sesión celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Silleda, onde os representantes municipais dos concellos socios foron recibidos pola alcaldesa, Paula Fernández, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Turismo, Mónica González, e a concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín.
A entidade, que na actualidade preside o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, abordou na orde do día cuestión relativas ao funcionamento interno como a aprobación do informe de contabilidade relativo ao ano 2024, e o mantemento das cuotas para 2025.
Así mesmo, a xornada completouse ca celebración de mesas de traballo (hai 4 constituidas) nas que se aborda o Plan de Dinamización 2024-2027 da asociación dende distintas perspectivas (difusión, servicios aos peregrinos, xesión e desenvolvemento turístico).
Na segunda parte da Asamblea participaron tamén representantes de distintas asociación promotoras do Camiño como o colectivo Peregrinus Dezae, ou a Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras e de Amigos do Camiño pola Ribeira Sacra, a quen o presidente recoñeceu o seu esforzo e traballo por impulsar no seu día esta ruta.
A xornada rematou cun ágape na que o Concello de Silleda promocionou produtos locais, coa degustación dalgúns dos pratos embaixadores do municipio como a empanada de Bandeira, o lacón de Silleda ou a Rosquilla de Abades, ademais de doutros produtos elaborados por emprendedores locais, como os Triscos de Trasdeza Natur, Melindres de Silleda ou os queixos de Cortes de Muar, entre outros, sen esquecer a promoción do territorio ca entrega de material promocional.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que forma parte da directiva da Asociación, destacou as potencialidades de Silleda, onde coinciden as rutas a Compostela do Camiño do Sudeste (Vía da Prata) e o Camiño de Inverno, dende Ponferrada ata Santiago, e agradeceu a asistencia da maioría dos concellos integrantes deste colectivo creado en 2018 para a promoción e protección desta ruta xacobea, e a colaboración entre institucións.