A Área Sanitaria, comprometida co medio ambiente

Publicidad

No Hospital Público de Valdeorras realizouse, en paralelo a renovación das cubertas, un tellado verde que mellora o illamento térmico, reduce a contaminación e contribúe á captación de carbono

No Día do Medio Ambiente á Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reafírmase no seu compromiso coa iniciativa “One Health” que contempla a saúde dun xeito integral: das persoas, do clima e do planeta, mediante iniciativas que conseguiron evitar a emisión de toneladas de CO2 á atmosfera, co obxectivo de reducir o impacto ambiental da actividade sanitaria, limitando a pegada carbono e avanzando cara a un modelo hospitalario máis sostible e resiliente.

Ourense participa activamente en todas as áreas incluídas no proxecto “Boas Prácticas na descarbonización dos Hospitais”, que promove o Servizo Galego de Saúde xunto a organización europea “Sanidade polo Clima” no marco das iniciativas medio ambientais da Xunta de Galicia. As actuacións levadas a cabo abranguen ámbitos tan diversos como a eficiencia enerxética, o aforro de auga, xestión de residuos, a mobilidade sostible, a dixitalización e a farmacia hospitalaria.

A instalación de paneis solares fotovoltaicos nas cubertas dos tres hospitais públicos de Ourense permitiu a xeración 243.000 kwh de enerxía, o que supuxo evitar a liberación a atmosfera de 60 toneladas de CO2. Esta redución de das emisións aumentará este mesmo ano, coa posta en marcha dos novos paneis do novo edificio de urxencias e a cuberta do Hospital Público de Verín.

Publicidad

Reducir o impacto ambiental da asistencia sanitaria

O impacto ambiental dos gases anestésicos e dos inhaladores presurizados é unha preocupación crecente no ámbito sanitario, pese a ser pouco coñecido a nivel social.  Algúns anestésicos inhalados, de uso habitual intervencións cirúrxicas son considerados gases de efecto invernadoiro, ou o que é o mesmo, contribúen a elevar a tempera da atmosfera, onde poden permanecer moito tempo.

Igualmente moitos inhaladores empregan gas a presión, para axudar a expulsar o medicamento con forma de aerosol, os chamados inhaladores presurizados de dose medida (pMDI), empregados para administrar a medicación de moitas enfermidades respiratorias, como a EPOC, o Asma, tamén empregan gases considerados  de efecto invernadoiro: os hidrofluorocarbonados

Evitar inhaladores con gas

Galicia é lider a nivel nacional con iniciativas para reducir a contaminación de gases invernadoiro de uso sanitario reducindo a liberación de hidrofluorocarbonados -presentes nos inhaladores presurizados (pMDI)-  optando pola prescrición de dispositivos con menor pegada de carbono, como os de po seco (DPI) e os de néboa fina, que non empregan estes gases e presentan unha pegada de carbono de 10 a 30 veces máis reducida, e nalgúns casos ata un 90%.

Ourense sitúase por riba da media galega e española no uso de inhaladores máis amigables co medio ambiente. Así, mentres que no conxunto de España a maioría (o 54,4%) dos inhaladores consumidos levan propelentes, na nosa Área Sanitaria os de po seco e néboa fina (ambos sen gases invernadoiro) supuxeron o 59% dos prescritos vía receitas en 2024.

Mostra da importancia ambiental desta medida, os 185.821 inhaladores consumidos en 2024 en Ourense equivalen a 1.618 toneladas de CO2. O 93% (1.500 toneladas) foron emitidas polos inhaladores  presurizados, pese a que só representan o 40% do total, xa que cada inhalador presurizado libera 20 kg de CO2 ao medio ambiente, fronte a 1kg dos de po seco e néboa fina. 

A xestión de Galicia serviu de modelo para a guía de prescrición sostible de inhaladores, desenvolvida polo Ministerio de Sanidade, que insta a optar polo uso de inhaladores de po seco ou néboa fina, para lograr unha mellor adherencia do paciente e unha redución da pegada carbono. Ademais, estas estratexias pretenden cumprir cos obxectivos de redución de emisións do último regulamento da Unión Europea sobre gases fluorados, segundo o cal se debe diminuir un 15% do uso de inhaladores presurizados para 2027.

Gases anestésicos: Ata 100 anos na atmosfera

Os anestésicos inhalados, como o óxido nitroso (N₂O), o desflurano, o isoflurano, e o sevoflurano son gases de efecto invernadoiro (GEI), de amplo uso para a anestesia xeral dos pacientes nas intervencións cirúrxicas, con diferentes impactos ambientais, sendo o de maior risco ambiental o óxido nitroso (N₂O), ou gas da risa, cunha  longa vida atmosférica, de máis de 100 anos. Outro con alto potencial de quecemento global é o desflurano, que se estima pode permanecer na atmosfera ata 21 anos.

O Sergas está a promover a diminución do uso destes anestésicos con alto potencial de emisión de gases de efecto invernadoiro, mediante a substitución progresiva de anestésicos contaminantes por alternativas máis ecolóxicas, como o sevofluorano ou o isofluorano, forman parte das medidas adoptadas para reducir o impacto ambiental dos procedementos médicos. O sevoflurano é o de menor potencial de quecemento e vida atmosférica máis curta.

En Ourense a aplicación das medidas implementadas polo Sergas para limitar o uso destes gases logrou un aforro de emisións de CO2 con respecto a 2023 de 75,63 toneladas. Asemade estanse desenvolvendo iniciativas específicas para reducir estas emisións, que a Sociedade Europea de Anestesioloxía estima equivalen a nivel internacional ás de un millón de coches.  Algunhas delas son a adquisición de equipos, para controlar e reducir a emisión destes gases, e tamén o desenvolvemento de proxectos piloto, como o que en breve se iniciará no Hospital Universitario de Ourense, promovido pol Servizo de Anestesia e Reanimación.  

Paseo verde á entrada ao hospital

Precisamente esta semana o Hospital Universitario de Ourense ven de estrear o seu paseo verde, coa instalación de pérgolas con plantas trepadoras. Iniciativa incluida no proxecto europeo LIFE RESYSTAL (Climate change Resilience framework for health Sytems and hospitals), orientado a mellorar a resiliencia climática dos sistemas sanitarios.

O obxectivo do paseo é reducir a temperatura ambiental grazas á sombra que proporcionan as pérgolas e ao proceso de evapotranspiración das plantas, que arrefría o aire. Este tipo de espazos,  tamén contribúen a mitigar o efecto “illa de calor” propio das cidades. Ademais, as plantas absorben dióxido de carbono, actuando como sumidoiros naturais de CO2, sendo unha ferramenta sinxela e eficaz contra o cambio climático.

Ademais tamén se actuará nos hospitais de Verín e Valdeorras. No Hospital Público de Valdeorras realizouse, en paralelo a renovación das cubertas, un tellado verde que mellora o illamento térmico, reduce a contaminación e contribúe á captación de carbono.

En Verín desenvolverase un sistema de recollida de augas pluviais, que permitirá o seu uso para o rego das zonas verdes. Tamén se farán reformas para posibilitar a reciclaxe das augas  grises -as que proceden de duchas, bañeiras e lavamáns- para o uso no sistema de descarga de auga, fluxores, de inodoros e urinarios, tras un proceso de decantación e desinfección, reducindo así o consumo de auga.

Cultura de sostenibilidade

A Área Sanitaria tamén introduxo sistemas de reciclaxe de papel, con contedores reutilizables para residuos de clase III, e segregación selectiva para outras clases de residuos, incluíndo proxectos pioneiros, como a valorización de residuos orgánicos de cociña en colaboración co Campus de Ourense, para extraer compostos de valor biolóxico como o coláxeno.

Ourense foi tamén a primeira Área Sanitaria en incluir criterios medioambientais para reducir a dependencia de combustibles fósiles e a pegada de carbono no último proceso de contratación de transporte sanitario non urxente, o que converteu aos hospitais de Ourense nos primeiros, a nivel nacional, que dispoñen de ambulancias eléctricas.  Igualmente o Universitario de Ourense tamén conta con puntos de carga para vehículos eléctricos, sendo os vehículos da Unidade de Hospitalización a Domicilio híbridos.

Reducir a dependenza de gas e petroleo

A área conta con instalacións de paneis solares fotovoltaicos e térmicos, sistemas de coxeneración de alta eficiencia e caldeiras de biomasa nos edificios de Piñor e Ourense. Así mesmo, en varios centros de Atención Primaria implantáronse sistemas VRV de aerotermia de alta eficiencia.

O novo sistema SCADA-BMS permite o control en tempo real das instalacións e a súa adaptación a variables como a temperatura ou humidade exterior, mellorando a eficiencia enerxética dos edificios hospitalarios.

Asemade, desde hai cinco anos, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras forma parte da rede global “Green and Healthy Hospitals” e “Health Care Without Harm” organizacións  que  promoven un sistema sanitario que coide tamén a saúde do planeta, e que recoñeceron o esforzo con premios a distintas iniciativas.