O Plan de Turismo xerativo de San Xoán de Río, un referente para revitalizar o rural

Publicidad

Foi presentado hoxe dentro do Festival da Lonxevidade que celebra a localidade

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá en San Xoán de Río na presentación do Plan de Turismo Xerativo deste concello, que conta co apoio da Xunta. Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a calidade de vida e o benestar do rural galego como atractivos desta proposta turística e que tamén se converten en pilares para unha oferta de turismo xerativo. A presentación do documento desenvolveuse no marco da celebración do primeiro Festival da Lonxevidade, unha das iniciativas que nacen co proxecto. 

Precisamente, o Plan de Turismo Xerativo pretende converter a San Xoán de Río nun referente de investigación da lonxevidade e benestar a través do Laboratorio Rural de Lonxevidade. Segundo salientou o director de Turismo de Galicia, “este permitirá experimentar e validar novas formas de vida na Europa rural do futuro, baixo as claves dun estilo de vida máis lento pero activo, conectado á terra e en convivencia coa comunidade”. A iniciativa quere indagar no potencial deste modo de vida para reverter o abandono de áreas rurais e axudar a súa revitalización social e económica.

O Plan está promovido pola Escola de Turismo Xerativo e entre as accións que se presentaron hoxe está a creación dunha Rede Internacional de Pobos Lonxevos, unha plataforma destinada a conectar iniciativas que promoven o envellecemento activo desde o local. Nela participan representantes de España, Portugal e Bélxica, con vontade de expandirse a outros territorios.

Publicidad

A celebración da primeira edición do Festival da Lonxevidade, no que foi presentado o Plan, enmárcase dentro do propio proxecto. Este evento xuntará durante dous días, 8 e 9 de agosto, a representantes de comunidades rurais de distintas rexións de España, profesionais da saúde e do ámbito social, investigadores, responsables públicos e veciñanza para reflexionar colectivamente sobre o potencial da lonxevidade como motor de desenvolvemento sostible. 

O director de Turismo de Galicia incidiu en que o proxecto alíñase coa estratexia turística da Xunta, “que potencia un modelo de turismo respectuoso co medio ambiente, que valorice o destino e que destaque a súa singularidade, sempre desde a sostibilidade do modelo e a súa integración coa poboación local”.