Presentou no Parlamento unha proposición no de lei na que propón tamén unha campaña de control no sector da lousa, pedra e mármore
O Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei para debate en Pleno que insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha dun xeito inmediato unha campaña de control das condicións de traballo e de cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais no sector da industria da lousa, pedra e do mármore e nas explotacións mineiras de todos os tipos, empresas de tratamento e fabricación. Tamén propón constituír no Sergas unha unidade especializada na diagnose e tratamento da silicose, localizada na área sanitaria de Valdeorras, e que sirva de centro de referencia para toda Galicia.
O deputado do BNG Secundino Fernández, acompañado de María González Albert, Manuel Agra e Roberto Quiroga, presentou esta iniciativa nun acto celebrado no Barco. Dixo que os informes anuais do “Instituto Nacional de Silicosis” recollen 93 casos en 2023 de silicose.
Citou que dos 41 traballadores e traballadoras en activo con diagnose de neumoconiose simple, 25 proceden do sector da lousa e teñen unha historia laboral de risco media de 24,7 anos; 18 corresponden ao sector do granito cunha exposición laboral ao risco de 27,6 anos, e 14 son do sector das marmorerías con 23,6 anos de exposición.
De 19 persoas en activo diagnosticadas con neumoconiose complicada, 8 proceden do sector da lousa e teñen unha historia laboral de risco media de 28,9 anos; outras 5 persoas pertencen ao sector das marmorerías, cunha exposición de 23 anos, e 2 persoas son do sector do granito con 19 e 36 anos de exposición.
Ademais —engadiu— de 10 persoas pensionistas diagnosticadas con neumoconiose simple, 8 proveñen do sector da lousa e teñen unha historia laboral de risco media de 28,4 años. As outras 2 proveñen do sector das marmorerías e contan cun historial de 20 e 226 anos, respectivamente.
De 4 persoas pensionistas diagnosticadas con neumoconiose complicada, 3 traballaron no sector da lousa e presentan unha historia laboral de risco media de 42 anos. A outra persoa traballou no sector das marmorerías durante un período de 20 anos.
Das conclusións deste informe, o BNG salienta que a porcentaxe de novos casos de silicose correspondentes a persoal en activo continúa superando, un ano máis, o 60%. Nun elevado número de casos, o 24,1%, a diagnose inicial resulta neumoconiose complicada, o que podería evitarse con unha axeitada vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras do sector. «Obsérvase un aumento de casos no sector das marmorerías, a maioría persoas en activo», indicou.
Esta non é a primeira proposta do BNG na materia xa que nos últimos anos presentou outras que solicitaron medidas e unha unidade da silicose en Valdeorras.







