19.6 C
O Barco de Valdeorras
martes, julio 21, 2026
Publicidad

A Deputación de Ourense mobiliza 760.000 euros en axudas a diferentes sectores e cooperación con concellos

Publicidad

Acordou a contratación de senllas asistencias técnicas para a execución dos Plans de Actuación Integrados (PAI) de Valdeorras e Ourense sur

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou, na reunión celebrada esta mañá, a concesión de 760.000 euros en axudas a cooperación con concellos e colaboración con colectivos de diferentes sectores produtivos, sociais, culturais e deportivos.

Na sesión de hoxe tivo un particular protagonismo a colaboración con entidades. Un total de 26 asociacións e clubs recibirán en conxunto 654.000 € tanto para gastos de funcionamento como para o desenvolvemento de actividades.

Neste capítulo destaca o apoio á Universidade de Vigo para promoción do turismo ou as achegas que van recibir varias entidades da Ribeira Sacra -Ruta do Viño, Consello regulador e Consorcio de Turismo- para o seu labor diario, “incidindo así nun enclave de especial relevancia para a provincia neste 2026”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, en referencia á esperada declaración como Patrimonio Mundial da Unesco.

Publicidad
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense

Desde a Deputación “entendemos que cada recuncho da provincia é merecente das mesmas oportunidades de benestar, dinamismo e cultura”, dixo Luis Menor, polo que as axudas concedidas non son un simple trámite administrativo: “Son unha valiosa colaboración que mantén con vida o tecido asociativo ourensán”.

Engadiu que as asociacións ourensás de todos os sectores chegan alí onde as administracións non sempre alcanzan de forma directa, de aí que estas aportacións sexan “un exercicio de corresponsabilidade” á hora de darlles estabilidade.

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense

Este é o detalle das subvencións concedidas:

  • 80.000 € a favor da Universidade de Vigo para promoción da formación en turismo.
  • 15.000 € para a Asociación de Discapacitados de Ourense (ADO) para gastos de funcionamento.
  • 20.000 € á área social do COB.
  • 25.000 € ao Consello Regulador Pan de Cea para a tradicional festa de exaltación deste produto (15.000) e para actividades de promoción (10.000).
  • 60.000 € ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra en concepto de axuda para funcionamento.
  • 45.000 € para o Consello Regulador Ribeira Sacra como axuda para actividades.
  • 10.000 € á Ruta do Viño Ribeira Sacra para acción de promoción.
  • 5.000 € para a Asociación da Castaña, como axuda para gastos de funcionamento.
  • 33.000 € a favor da Federación de Comercio de Ourense para actividades e proxectos.
  • 20.000 € para a entidade Artesáns de Ourense, con destino a gastos de funcionamento.
  • 12.000 € á Asociación provincial de Graniteiros para a Feira Stongal 2026.
  • 6.000 € ao Colexio de Economistas de Ourense no marco do convenio de colaboración subscrito con este colectivo.
  • 50.000 € para a Diócese de Astorga, a investir en actuación no santuario das Ermidas (O Bolo).
  • 15.000 € destinados á Asociación Cultural Silfest para o evento “Silfest Valdeorras 2026”.
  • 10.000 € á entidade A Maquinadora, promotora de proxectos, para actividades.
  • 7.000 € ao Foro Ágora Termal para a edición dun libro sobre o termalismo na cidade de Ourense.
  • 2.000 € a Bolboretas Gestión Cultural para gastos de funcionamento.
  • 133.000 € en concepto de subvención a entidade EZE Mosquera Events, organizadora da proba ciclista O Gran Camiño.
  • 25.000 € que recibirá Estrela Futsal para gastos de funcionamento.
  • 23.000 € para o Club Ourense Atletismo, como axuda para actividades (20.000) e para o Campionato de España Sub 20 de clubs (3.000).
  • 18.000 € a favor do Real Montealegre Club de Golf para o Circuíto de Golf Termal.
  • 12.000 € á Escudería Piñor para o Rallysprint Piñor.
  • 12.000 € para Escudería Ramirás, para o Rallysprint Ramirás.
  • 8.000 € para a Escudería Barbadás Club Deportivo, con destino ao Rally Mix.
  • 5.000 € á Asociación Afiador, como axuda para a formación de adestradores na tempada 2025-2026.
  • 3.000 € ao Club Nipón para gastos de funcionamento.

Cooperación con entidades locais

O apartado de cooperación con entidades locais reflicte a concesión de 106.000 € en axudas, co seguintes detalle:

  • 50.000 € para a Mancomunidade Santa Águeda (Amoeiro, Coles, A Peroxa, e Vilamarín) para gastos de funcionamento.
  • 50.000 € á Mancomunidade da comarca do Carballiño co mesmo concepto (Beariz, Boborás, O Irixo, Leiro, Maside, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea).
  • 6.000 € ao Concello de Nogueira de Ramuín para un muro de contención na localidade da Seara.

PAI de Valdeorras e Ourense Sur

Entre os asuntos de trámite abordados na Xunta de Goberno de hoxe cómpre apuntar senllas contratacións de asistencia técnica para a execución dos Plans de Actuación Integrados (PAI) de Valdeorras e Ourense sur.

Dous proxectos de gran complexidade e cunha tramitación moi exhaustiva, que requiren de equipos con recoñecidos profesionais de moi diferentes disciplinas e con ampla experiencia na xestión de proxectos con financiamento europeo.

Cómpre lembrar que a semana pasada celebrouse precisamente no Barco unha reunión para abordar o estado de execución e os vindeiros pasos a seguir no PAI «Valdeorras polos Camiños do Sil», redefinindo algunhas das actuacións previstas para garantir a execución do financiamento europeo.

Un plan no que a Deputación xoga un papel clave como coordinadora e impulsora de toda a xestión administrativa e financeira, ao igual que no caso do plan Ourense sur.

Ambos proxectos suporán un investimento de 14,5 M€ (14.504.506 €) e con cifras semellantes: Un investimento por plan de máis de 7,2 millóns de euros, dos que máis de 4,3 proveñen dos fondos FEDER.

En todo caso, a Deputación adquiriu e cumprirá o compromiso de elevar ata os 10 millóns de euros o investimento en cada programa, igualando así as cifras solicitadas inicialmente na candidatura destes plans.