29.6 C
O Barco de Valdeorras
miércoles, julio 15, 2026
Publicidad

XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda: 25 e 26 de xullo

Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda
Publicidad

A Deputación organiza este evento que este ano traerá bandas de gaitas de Baleares achegando «cornamusas mediterráneas»

A Deputación de Ourense converterá ao municipio de Manzaneda no epicentro da música tradicional coa celebración do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o IX Serán de Seitura e a Noite Celta, que terán lugar os días 25 e 26 de xullo. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

O Certame Celitbérico de Bandas de Gaitas é «un referente do folclore na Península e un gran complemento educativo á actividade da Escola de Gaitas», dixo Rosendo Fernández, que citou que reunirá a centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal.

Neste sentido, Foxo dixo que «Manzaneda foi un referente dos cantares de seitura» e que este certame contribúe a «poñer en valor os cánticos históricos e a dignificar a figura das cantareiras».

Publicidad

Como novidade, nesta edición, o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas traerá bandas de gaitas de Baleares, achegando as «cornamusas mediterráneas» a este evento, «o máis internacional de gaitas que se fai en Ourense e en toda Galicia», sinalou Foxo, quen destacou o papel da Deputación como «exemplo de administración»que apoia a cultura.

Pola súa parte, Cecilio Santalices puxo en valor o carácter «histórico, etnográfico e cultural» deste certame que actúa como «factor dinamizador para toda a comarca».

Programación

A cita comezará o sábado, 25 de xullo coa posta en valor do patrimonio oral e etnográfico a través do IX Serán da Seitura, a partir das 19.30 horas na praza da Igualdade. O evento, ademais de contar con diversas actuacións, servirá para render tributo á memoria de Ludivina Pérez Ricoi cunha ofrenda floral ante o seu monumento, ademais de render unha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto da Vidueira.

Posteriormente, o programa continuará coa Noite Celta, que será ás 23.00 horas na Estación de Montaña de Manzaneda, e ao día seguinte, o domingo 26 de xullo, no Campo de Competicións de Cabeza de Manzaneda, terá lugar a gran fase final do certame, que este ano rende memoria a Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995.