35.2 C
O Barco de Valdeorras
martes, julio 7, 2026
Publicidad

A Xunta prepara a coordinación policial para a loita contra incendios forestais

Comisión provincial de coordinación de loita contra incendios
Publicidad

O obxectivo é o deseño de actuacións para a detección, disuasión, investigación e extinción de lumes

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2026, operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como tempada de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión tamén participaron membros da Dirección Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Pladiga 2026. Ademais, avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

Publicidad

O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros e os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, «sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia», sentenciou.

Fixo fincapé o delegado territorial na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

Manuel Pardo e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento no teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085.

Pladiga 2026

Manuel Pardo destacou que o Pladiga 2026 recolle o maior investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros, incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado. 

O delegado territorial explicou que este documento está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación.

No que atinxe ao Plan de prevención, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41 hectáreas, nas cales se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, así como as accións enmarcadas dentro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e nas colaboracións con entidades locais.

A maiores destes traballos preventivos, lembrou que a Consellería do Medio Rural conta cun convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do cal se lles presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas súas obrigas. Este convenio conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o ano pasado, e reforza os apoios tanto para concellos como para particulares.

Ao abeiro desta colaboración impulsarase tamén unha estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, impartindo charlas informativas nas parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade incendiaria. O obxectivo é dar información sobre a necesidade dunha axeitada xestión das faixas secundarias por parte dos propietarios, así como unha serie de consellos de autoprotección en caso de incendio.

Aplicación móbil ALume

O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora nesta actualización importantes novidades tecnolóxicas. Unha das máis salientables é o lanzamento da aplicación móbil ALume, xa dispoñible para descarga en iOS e Android, que lle permite á cidadanía alertar dun incendio forestal dunha forma áxil e sinxela, favorecendo tamén a detección temperá dos lumes. A través de ALume, deseñada cunha interface moi sinxela, as persoas poden enviar a localización exacta do foco, ademais de xuntar imaxes, gravacións de son e outras observacións. Cómpre lembrar que esta app actúa de xeito complementario á canle habitual do 085. 

Destaca tamén a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chegará a 241 cámaras en 111 localizacións, e a introdución da intelixencia artificial no sistema interno de xestión, co fin de detectar de forma automática e inmediata fume e focos iniciais do incendio. 

O mencionado plan inclúe, do mesmo xeito, as novas incorporacións relacionadas coa lista de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Neste ano saen dúas parroquias-Santigoso no concello ourensán da Mezquita e Pardo de Limia, en Muíños- e incorpóranse 11. Tendo isto en conta, o número total de PAAI en 2026 é de 35, das cales 24 repiten respecto á lista do ano pasado. En 2025 a cifra de PAAI era de 26.

Plan de extinción

Por outra banda, o Plan de extinción recolle, entre outras cuestións, os medios humanos e materiais e a súa distribución territorial. O dito plan recolle importantes novidades de cara a este 2026, como son o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; ou a incorporación de 42 novas brigadas, de catro compoñentes cada unha, pensadas para reforzar o dispositivo durante a tempada de alto risco de incendios. En total, o dispositivo estará integrado un ano máis por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.

No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózers para labores preventivos e seguirase a avanzar na mellora das infraestruturas, con actuacións nas bases aéreas existentes e na construción doutras novas, como a base de helicópteros de Lalín ou o aeródromo de Valga. Refórzanse os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado. En total, serán 24 os dependentes da Consellería, aos cales cómpre sumar os do Goberno central. En terra haberá unhas 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.

Por último, no eido da formación, o obxectivo é seguir a liña dos últimos anos e afondar na mellora da profesionalización e seguridade do persoal para conformar un dispositivo máis eficiente e capacitado para afrontar as novas tipoloxías de incendios forestais. Neste ano están previstos cursos monográficos, accións de adestramento do persoal e iniciativas formativas para medios das entidades locais e tamén dirixidas á poboación. Todo isto conta cun orzamento conxunto de preto dun millón de euros.