A asociación de Veciños O Regueiral de Rubiá clausurou unhas xornadas contra o lume que reuniron a profesionais e implicaron á veciñanza
A Asociación de Veciños O Regueiral de Rubiá ven de concluír as «Xornadas de Prevención e Actuación contra o lume na nosa contorna», unha iniciativa desenvolvida ao longo de tres días que logrou combinar información técnica, análise práctica e reflexión colectiva arredor dun dos principais retos ambientais e sociais do territorio: os incendios forestais.
Tras unha primeira sesión celebrada o pasado 25 de abril, centrada nas medidas de autoprotección, obrigas legais e coordinación institucional, as xornadas continuaron cun marcado carácter práctico e divulgativo nas súas dúas últimas citas.
Este ciclo de actividades cobra especial relevancia no contexto local, onde se calcula que arredor dunhas 6.200 hectáreas, dun total de 10.000, arderon en menos de cinco anos no concello de Rubiá (Valdeorras), unha cifra que evidencia a magnitude do problema e a urxencia de actuar desde múltiples ámbitos.
O sábado 2 de maio tivo lugar unha ruta guiada, con saída desde o CEIP de Rubiá, no que alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra de Lugo) acompañou ás persoas participantes por distintas zonas afectadas polos incendios.
A actividade permitiu analizar directamente sobre o terreo o impacto do lume, facendo especial fincapé no estado do solo, a perda de valor ecolóxico e as dificultades de rexeneración en función da orografía.
O percorrido foi guiado por David Cao, Elías Esmerodes, Mauricio Avendaño, Vanessa Paz e Alae Zahir, baixo a supervisión do profesor Agustín Merino, no marco do programa «Plantando cara o lume». Ao longo das distintas paradas, explicáronse técnicas de restauración como o mulching (emprego de cubertas artificiais para protexer o solo), así como os criterios utilizados para avaliar a capacidade de recuperación das diferentes especies vexetais.
Neste sentido, destacouse o papel de especies como os érbedos, as aciñeiras ou as sobreiras, que actúan como protectores naturais do solo e presentan unha maior resiliencia fronte ao lume. Pola contra, nas zonas máis escarpadas púidose comprobar un elevado grao de deterioro, con escasas posibilidades de recuperación, o que levou ao alumnado a subliñar que os esforzos e investimentos deberían orientarse prioritariamente cara á prevención.
A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, a actividade contou cunha ampla participación e unha elevada implicación por parte das persoas asistentes, que puideron resolver dúbidas e compartir impresións. Un dos aspectos máis valorados foi a
oportunidade de coñecer o territorio de primeira man, contribuíndo a eliminar prexuízos e a fomentar unha maior conciencia ambiental baseada no coñecemento.
As xornadas pecháronse o domingo 3 de maio coa charla «Proceso de recuperación e restauración do solo», impartida por David Cao. Esta sesión permitiu profundar nos contidos abordados durante a ruta, ofrecendo unha visión máis detallada dos procesos ecolóxicos que interveñen na rexeneración dos ecosistemas tras un incendio.
Durante a intervención analizáronse factores clave como a erosión, a perda de materia orgánica, a capacidade de retención de auga ou a influencia da vexetación na recuperación do solo. Así mesmo, abriuse un espazo de diálogo no que as persoas asistentes puideron reflexionar sobre a necesidade de adoptar unha perspectiva a longo prazo, na que a prevención, a planificación e a educación ambiental xoguen un papel fundamental.
Como conclusión, desde a Asociación de Veciños O Regueiral faise unha valoración moi positiva destas xornadas, que conseguiron implicar á veciñanza e achegar coñecemento técnico de maneira accesible. A mensaxe central que se reforza tras estas tres sesións é clara: os incendios forestais son un problema colectivo que require dunha resposta activa, coordinada e sostida no tempo, na que a prevención e a responsabilidade compartida resultan esenciais, xa que a pasividade continúa a ser o seu mellor aliado.
(Artigo realizado por Inés Cao Núñez, graduada en Filosofía (USC) e portavoz da A.V. O Regueiral).
















