O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor este gran escaparate da enogastronomía galega é un motor económico e un reclamo turístico que move visitas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a XXVII edición da Feira do Viño de Valdeorras, un acto no que estivo acompañado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o presidente do Consello Regulador da denominación de orixe de Valdeorras, Marcos Prada.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que esta cita converterá O Barco no gran escaparate da enogastronomía galega entre os días 29 e 31 de maio, nunha edición histórica marcada polo 80 aniversario da Denominación de Orixe Valdeorras e pola participación de 22 adegas, a cifra máis alta da última década.
O director de Turismo de Galicia amosou o seu desexo de que esta edición da Festa do Viño de Valdeorras supere as cifras acadadas o pasado ano cando se superou os 3.500 visitantes e se serviron arredor de 22.000 copas, datos que evidencian o impacto do evento na dinamización da actividade hostaleira e comercial da comarca.
O responsable autonómico incidiu ademais en que a celebración coincide cun momento especialmente positivo para o turismo no xeodestino Trevinca-Valdeorras. «Nos tres primeiros meses do ano, rexistráronse 4.175 viaxeiros, un 27,3% máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que o número de noites medrou un 38%, ata alcanzar as 9.434 noites. A estadía media sitúase xa nas 2,26 noites, isto é un 8,4% máis que o mesmo trimestre de 2025″, afirmou.
«Galicia estase posicionando como destino turístico auténtico e singular, e nesa descrición xogan un papel clave recursos como a enoloxía», manifestou apuntando á realización de feiras e festas populares, especialmente no ámbito enogastronómico, como reclamo turístico único en Galicia. Un reclamo que ten a vertente de «contribuír a implicar á poboación local na planificación e a xestión dos eventos», abundou.
Ademais, puxo en valor o papel da festa como motor económico, turístico e cultural da comarca. Baixo o lema «Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras», sinalou que a cita reforza a aposta pola enogastronomía como elemento diferenciador do destino e como ferramenta para atraer un visitante interesado en experiencias auténticas, sostibles e ligadas ao territorio.
A XXVII Feira do Viño de Valdeorras celebrarase entre 29 e 31 de maio. Esta edición, na que participan 22 adegas, realizará varios cambios sobre as anteriores, co obxectivo de facer crecer o evento.
Promoción da calidade diferenciada
Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, destacou a importancia deste tipo de feiras na promoción dun produto de calidade diferenciada como é o viño amparado pola denominación de orixe (DO) Valdeorras.
Alemparte salientou, así mesmo, a participación de máis dunha vintena de adegas da DO nesta edición e puxo en valor o apoio de Medio Rural a este evento, a través da liña de axudas para información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. Asemade, no programa de actos dáselle un papel protagonista á maridaxe dos viños de Valdeorras cos produtos de Artesanía Alimentaria.
Nesta liña, o director reiterou o compromiso da Xunta coa promoción da calidade alimentaria en xeral, que se plasma, entre outras medidas, a través do desenvolvemento do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con máis de 10 millóns de euros este ano, dous máis que no 2025. Por medio desta iniciativa, lembrou Alemparte, apóiase a participación dos produtores galegos en eventos gastronómicos fóra de Galicia e de España e refórzase a promoción en Galicia, con mercados, feiras enoturísticas e gastronómicas e mesmo con accións en centros educativos.
Marcos Prada: «Se celebran 80 anos de esforzo compartido en torno ao viño»
Marcos Prada, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, dixo que «o feito de acadar as oito décadas de traxectoria convértenos no segundo consello regulador vitivinícola máis antigo de Galicia». Subliño que se celebran 80 anos de esforzo compartido en torno ao viño nun territorio no que este produto forma parte esencial da nosa cultura e, tamén, da nosa identidade».
Prada aludiu tamén ao 50 aniversario do Proxecto Revival, a iniciativa que supuxo a recuperación de cepas autóctonas de godello. «Somos o berce do godello e toda a variedade deste tipo de uva que existe no noso territorio procede dos inxertos daquel viveiro», sinalou, aludindo ao «crecemento exponencial» na demanda destes viños.
É por iso, explicou, que o cartel desta edición da feira se centra na variedade co lema «Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras». Prada puxo en valor o resto de variedades de uvas brancas e tintas da denominación de orixe, cada vez máis aprezadas no mercado.
Programa
O presidente do Consello Regulador repasou os cambios nesta edición da Feira. O primeiro darase na localización, que se traslada ata o Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco, un emprazamento máis céntrico co que se quere mellorar a accesibilidade do público.
Ademais, suma un día, posto que comezará o venres en vez de o sábado, como viña sendo habitual nos últimos anos. Deste modo, o recinto feiral estará aberto o venres de 19:30 ás 00 horas; o sábado de 12:30 a 14:30 horas e de 20 ata novamente a medianoite; e o domingo, de 12 a 16 horas.
Outro dos aspectos novidosos é o reforzo da programación, cunha forte aposta pola gastronomía e as actividades musicais, culturais e infantís.
A Feira abrirase as 19,30 horas do venres 29 de maio coa lectura do pregón, a cargo de Christian Escuredo, actor de teatro, cine e televisión, natural do Barco de Valdeorras.
Entre as actividades destacadas está a cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras, maridados con produtos de Artesanía Alimentaria, marca de calidade da Xunta de Galicia, que se desenvolverá o sábado 30 de maio, ás 20,00 horas.
Posteriormente, ás 21:30 horas, haberá un showcooking do cociñeiro Xosé Manuel Mallón, que acompañará os seus pratos cunha selección de viños da D.O. Valdeorras.
Ademais, na zona gastronómica poderase degustar durante as tres xornadas unha selección de produtos de Artesanía Alimentaria. Nos tres días de Feira sucederanse as actuacións musicais.
A programación infantil desenvolverase maiormente no Xardín Botánico, ao lado do Campo da Festa, onde haberá inchables, obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais e outras actividades lúdicas para a poboación máis nova.
Ruta dos Pinchos
Previo á feira desenvolverase a Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que entre o martes 26 e o venres 29 unirá a establecementos do Barco e da Rúa nesta actividade gastronómica, organizada en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras, AEVA.
As adegas participantes na XXVII Feira do Viño de Valdeorras son: A Cova da Xabreira, Adega A Bágoa, Adega A Coroa, Adega Alan de Val, Adega Arnadoval, Adega Melillas – Lagar do Cigur, Adega O Casal, Adega O Cepado, Adega Quinta da Peza, Barón do Sil, Bodega Cooperativa Jesus Nazareno, Bodega Godeval, Bodega Hacienda Ucediños, Bodega Roandi, Bodega Sampayolo, Bodega Santa Marta, Bodegas Blare, Cía. Vinos Telmo Rodriguez, D´Berna, Terriña, Viña Costeira e Virgen del Galir.










