A Deputación inviste 102.000 euros no programa EsquiOU, que beneficia a máis de mil escolares

Deputación de Ourense, Luis Menor
Publicidad

Mobiliza 681.000 euros destinados a cooperación cos concellos e ao impulso de programas de deporte base

A Deputación de Ourense aprobou na Xunta de Goberno celebrada hoxe un conxunto de acordos que mobilizan 681.000 euros, destinados principalmente ao reforzo da cooperación cos concellos e ao impulso de programas de deporte base (entre eles EsquiOU) e igualdade de oportunidades.

No ámbito deportivo, aprobou unha achega de 102.000 euros para o programa EsquiOU 2026, mantendo o esforzo económico tras o incremento realizado nas pasadas edicións.

Esta iniciativa se desenvolve na Estación de Montaña de Manzaneda, conta con 1.050 prazas distribuídas en dez quendas, dirixidas a escolares de toda a provincia, e esgota a súa capacidade en poucos días, consolidándose como unha das propostas máis demandadas polas familias ourensás.

Publicidad

O programa EsquiOU combina práctica deportiva, convivencia e formación en valores, garantindo ademais a participación de menores con necesidades especiais e facilitando o acceso mediante unha cota simbólica para as familias, co resto do custo subvencionado pola Deputación.

Deste xeito, a institución provincial reforza o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión e a cohesión territorial, impulsando iniciativas que constrúen provincia desde a infancia.

Inversión

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou que a aprobación dos acordos de hoxe responden a unha forma de gobernar baseada en «escoitar aos concellos, priorizar as súas necesidades e dar resposta con feitos, a través de investimentos útiles que melloran a calidade de vida no territorio».

O presidente provincial subliñou que «estas actuacións demostran que a cohesión territorial constrúese con investimentos concretos que chegan a todos os concellos, independentemente do seu tamaño, e con programas que xeran oportunidades reais para a cidadanía».

A Deputación de Ourense continúa así avanzando nun modelo de cooperación municipal eficaz, orientado a dar resposta ás necesidades do rural e a fortalecer o equilibrio territorial da provincia.

Cooperación municipal: investimentos en 10 concellos

A maior parte dos fondos aprobados destínanse a actuacións en 10 concellos da provincia de Ourense, con proxectos centrados na mellora de infraestruturas, servizos básicos e eficiencia enerxética.

Entre as actuacións destacan a asignada ao Concello de Maside, cun investimento global de 250.000 euros para a renovación do céspede e mellora do alumeado do campo de fútbol. Neste caso, a Xunta de Goberno aprobou tamén un axuste administrativo para unificar o obxecto de dúas subvencións correspondentes ao mesmo proxecto, garantindo a súa correcta tramitación sen incremento de gasto.

As outras achegas foron para Avión, con 60.000 euros para renovación de alumeado público e implantación de tecnoloxías TIC; Boborás, cunha achega de 9.000 euros para mellora da eficiencia das captacións de auga e dixitalización, ademais dunha modificación do plan de cooperación; A Bola, con 60.000 euros destinados ao acondicionamento do entorno do Barreal e á apertura de pista entre A Seara e Rairigo; O Castro Caldelas, con 40.000 euros para pavimentación de viarios municipais; Maceda, con 25.000 euros para mellora da iluminación pública no barrio das Canteiras; San Xoán de Río, con 47.900 euros para mellora de firmes en vías municipais; A Veiga, con actuacións que suman 50.000 euros en materia de saneamento e infraestruturas e Vilar de Barrio, con 37.000 euros para mellora de viarios municipais.

Ademais, aprobáronse modificacións puntuais do Plan provincial de cooperación en concellos como Boborás e A Mezquita, co obxectivo de adaptar os investimentos ás necesidades reais de cada municipio.