O BNG insta a Deputación a retomar a rehabilitación do edificio da Rúa que adquiriu a institución no 2022

Roberto Quiroga, Xosé Manuel Puga y María G. Albert
Publicidad

O deputado Xosé Manuel Puga levará ao pleno unha moción na que defende que o inmoble «sexa unha delegación operativa real con servizos provinciais»

O deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, xunto a María G. Albert, alcaldesa da Rúa e Roberto Quiroga, responsable comarcal da formación en Valdeorras, compareceron esta mañá en rolda de prensa desde a comarca de Valdeorras para anunciar ante os medios de comunicación a iniciativa que o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno da Deputación de Ourense este venres 19, na que a organización nacionalista reclama a posta en funcionamento inmediata do edificio adquirido no 2022 pola institución provincial na Rúa para acoller a primeira delegación territorial en Valdeorras.

Na rolda de prensa, o deputado nacionalista explicou que a moción que se debaterá no pleno insta ao goberno provincial a retomar de inmediato o proxecto de rehabilitación do edificio, cun calendario claro e recursos suficientes, para que entre en funcionamento no menor prazo posible.

A proposta defende que esta sede sexa unha delegación operativa real, con servizos provinciais efectivos para a comarca, como a recadación e xestión tributaria dos concellos, a asistencia técnica, xurídica e administrativa, o soporte informático e da administración electrónica, así como un punto estable de atención á cidadanía e de coordinación cos concellos de Valdeorras.

Publicidad

Ademais, reclámase a creación dunha mesa de traballo cos concellos e os grupos políticos para definir de maneira conxunta as necesidades e servizos que debe albergar o edificio, así como a publicación transparente de toda a documentación relativa ao proceso e o compromiso firme de que o inmoble non permaneza sen uso.

Xosé Manuel Puga sinalaba  que esta iniciativa parte dunha realidade incontestábel: «Numerosos concellos de Valdeorras teñen delegadas na Deputación funcións esenciais», e todo indica que esta tendencia irá en aumento. «Falamos dunha administración situada a máis de cen quilómetros da veciñanza de Valdeorras, a máis dunha hora e media por estrada e con non poucos problemas de conectividade telemática», unha circunstancia que, como sinalou, fai «máis preciso reforzar e manter a xestión de proximidade dos servizos municipais, especialmente en comarcas como Valdeorras».

O deputado do Bloque Nacionalista Galego sinalou que foi xa no ano 2022 cando a Deputación «anunciou publicamente a adquisición dun inmoble coa finalidade de habilitalo como sede da primeira delegación territorial da institución en Valdeorras», sinalaban desde a organización nacionalista, un proxecto que fora presentado como estratéxico e incluído mesmo no Plan de Mandato, pero que «transcorridos máis de dous anos non rexistrou ningunha actuación visible».

Segundo denunciou Xosé Manuel Puga, «o edificio adquirido con fondos públicos e anunciado como un proxecto estratéxico non pode seguir deteriorándose nin permanecer sen uso», máis aínda cando se atopa «pechado,  nun evidente estado de abandono e ameazando derrube». Para o deputado, esta situación está a xerar «preocupación e desconcerto entre a veciñanza da comarca», nun momento no que Valdeorras «precisa maior investimento público, reforzo institucional e unha presenza real das administracións».

María Albert, alcaldesa da Rúa, sinalaba que o propio concello ten feito labores de consolidación en varias ocasións, xa que partes da fachada e do lousado caeron á vía pública, co conseguinte risco para as persoas. E, ata agora, a Deputación, como pode observar calquera persoa que pase por alí, non fixo nada ao respecto.  «Desde que o BNG chegou á Alcaldía da Rúa, puxémonos en contacto coa Deputación, tanto con Presidencia como coa deputada asignada a Valdeorras, así como cos propios técnicos da Deputación, para alertar da problemática deste edificio».

Finalmente, o BNG insistiu en que a proposta busca garantir «un uso eficiente dos recursos públicos», evitar o deterioro do patrimonio común e facer realidade o compromiso adquirido pola Deputación. «É imprescindible activar unha planificación inmediata para converter este edificio nun verdadeiro centro comarcal de servizos provinciais, achegando a administración á cidadanía e cumprindo coa función coa que foi anunciada», concluíu.