O festival foi organizado pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras coa colaboración de Turismo de Galicia e a Deputación
A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras celebrou este venres 19 de setembro a última das tres citas que conformaban a programación de ‘Entre Covas’, o festival de artes e enoturismo que celebrou neste 2025 a súa primeira edición. E fíxoo cunha proposta moi especial, o espectáculo de danza contemporánea CEIBE, da Compañía Fran Siera.
A actuación foi nos xardíns da Bodegas Blare de Vilanova, onde se recibiu ao público cunha copa de godello. Trala danza, ofreceuse unha cata aberta de oito referencias de viños de adegas asociadas á Ruta e uns petiscos elaborados polo Pazo do Castro. Durante o evento a adega abriu as portas da súa cova, unha construcción histórica que xunto coa adega orixinal, pertencía á Casa Grande de Outarelo.
Nesta última cita de ‘Entre covas’ o aforo volveu encherse, demostrando o interese suscitado polas actividades de enoturismo organizadas dende a Ruta do Viño de Valdeorras.
O seu presidente, Marcos Prada, agradeceu o apoio de Turismo da Xunta de Galicia e do seu director xeral, Xosé Merelles, adiantando que plantexarán unha segunda edición do festival para o ano próximo.
A técnico da Asociación, Cristina Núñez, destacou que o máis valorado polos asistentes foi a calidade artística das propostas e o formato íntimo do evento, ademais do seu emprazamento xunto a adegas con cova. O festival comezou en xuño cun espectáculo de ilusionismo en Seadur, despois celebrou a música fusión no barrio das Pinguelas —na Rúa— e rematou con danza nun miradoiro privilexiado sobre o val do Barco.
A vicepresidenta da Ruta do Viño, Montserrat Rodríguez, lembrou que «Entre Covas» naceu cunha clara vocación: «poñer en valor as nosas covas, espazos cargados de historia, de identidade e de vida» a través de experiencias únicas que fusionan arte, danza e música en lugares naturales e simbólicos, ao pe de viñedos, covas e bodegas.
Tamén agradeceu especialmente o apoio de Turismo de Galicia e da Deputación, «que creron neste proxecto desde o primeiro momento», e por suposto, as adegas participantes.
A Ruta do Viño de Valdeorras segue medrando
A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras celebra a recente incorporación de dúas adegas entre as súas asociadas: Adega A Bágoa, de Vilanova, e Vinos Barco, a marca baixo a que opera a única cooperativa que segue a elaborar viño na comarca. Así, o colectivo conta con 52 socios, 20 deles adegas, o que avala o traballo realizado durante os últimos anos por parte da Asociación e o que xa representa o enoturismo para valdeorras, como escaparate e impulso á innovación turística e cultural.
Nos próximos días, a Ruta do Viño ten novas actividades programadas. O 27 de setembro celebra ‘Entre viñas’ unha cata de viños de parcela guiada polo director técnico da DO Valdeorras, Jorge Mazaira, e que comezará visitan do os viñedos onde se produce a uva de cada un dos viños.
O 19 de outubro será o turno da V BTT Ruta do Viño de Valdeorras que nesta ocasión discurrirá polo concello de Rubiá, poñendo en valor paisaxes vitivinícolas e do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. As inscricións para ambas actividades seguen abertas na web da Ruta.









