Lembrou que o seu departamento puxo en marcha ata oito liñas de achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais que cubrirán o 100% do investimento, podendo chegar aos 200.000 euros por persoa
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta tarde a explotación gandeira de Javier Fernández, situada en Vilariño de Conso e a cal se viu afectada pola vaga de lumes do pasado mes de agosto. Alí, lembrou o apoio do Goberno galego ás explotacións que sufriron danos polos incendios rexistrados no mes de agosto, tanto agrícolas, gandeiras como forestais..
Esta granxa que conta con 46 cabezas de gando bovino, sufriu unha perda de pastos e varios peches da gandaría. A maiores, foi unha das beneficiarias do reparto de alimento para o gando que se puxo en marcha desde a Consellería para axudar ás explotacións en plena vaga de lumes. En total, repartíronse 25 pacas; 70.000 kg de penso en taco; 23.000 kg de penso granulado; 3.048 rolos de herba seca; 28 tráileres de herba seca e 5 tráileres de palla para explotacións de 15 concellos de Ourense e Pontevedra, entre eles o de Vilariño de Conso.
María José Gómez asegurou que se vai seguir traballando para poñer a disposición dos agricultores e gandeiros “todas as ferramentas necesarias para superar esta situación”. Neste sentido, explicou que desde o seu departamento se habilitaron ata oito liñas de achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais que cubrirán o 100% do investimento, cun límite en función do tipo de axuda, que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa.
No caso das gandeiras, Gómez detallou que se conta con axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións, cunha contía máxima de 200.000 euros por persoa.
Hai tamén unha liña para a adquisición de alimento complementario para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses e cunha contía máxima de 15.000 euros por persoa. Tamén se indemnizará aos gandeiros e agricultores por perdas na produción e, por último, disponse de axudas para paliar a morte de gando ou abellas, que se estimarán segundo o tipo de especie e a idade do animal.
Reunión con veciños da Gudiña
Posteriormente, a conselleira do Medio Rural trasladouse ata o concello da Gudiña, onde mantivo un encontro con veciños afectados por esta vaga de incendios, aos que trasladou todo o apoio do Goberno galego e aos que lles lembrou todas as axudas que teñen á súa disposición para facer fronte a esta situación, tanto do seu departamento como as doutros da Xunta.