26.3 C
O Barco de Valdeorras
lunes, septiembre 28, 2026
Publicidad

Xosé Merelles: «A Estratexia de Turismo 2030 busca consolidar Galicia como un destino auténtico, sostible, competitivo, hospitalario e equilibrado»

Publicidad

O director de Turismo de Galicia fixo abordou a realidade do sector turístico en Ourense

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe nun almorzo-coloquio co alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, no que abordou a realidade actual do sector turístico galego, con especial atención á evolución da actividade na provincia e na cidade de Ourense, e tamén subliñou as boas perspectivas vinculadas ao desenvolvemento de novos proxectos termais. 

En concreto, o director de Turismo de Galicia subliñou a ampliación desta oferta turismo termal da cidade de Ourense e tamén aos novos proxectos nos concellos de Leiro e Cortegada. Precisamente, neste último a Xunta inviste case 650.000 euros na rehabilitación integral do balneario local, centrándose na mellora da eficiencia enerxética, a renovación das piscinas colectivas e a creación de novas áreas de confort como unha zona de repouso e unha cafetería.  

Turismo en Ourense

Publicidad

No que atine ao comportamento turístico na provincia de Ourense, os datos ata agosto de 2026 reflicten un crecemento tanto no número de viaxeiros como nas noites. Nos oito primeiros meses, Ourense recibiu a visita de  242.803 viaxeiros, un 8,3% máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que as noites ascenderon a 485.928, un 12,6% máis. A estadía media situouse en dúas noites, cun incremento do 4%.

A evolución dos mercados tamén mostra unha progresiva diversificación da demanda, segundo apuntou o director de Turismo de Galicia, referíndose aos distintos mercados pero especialmente o internacional que sumou 44.336 viaxeiros, un 23,2% máis con respecto ao mesmo período de 2025.

Xosé Merelles salientou que este é o resultado de moitos anos de traballo e tamén da actual Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que busca «consolidar a comunidade como un destino auténtico, sostible, competitivo e hospitalario, capaz de medrar de maneira equilibrada e de distribuír os beneficios da actividade turística polo conxunto do territorio».

Turismo termal e Camiño de Santiago

O termalismo ocupou tamén un espazo destacado no encontro, pola súa relevancia para a provincia de Ourense e polo potencial que ofrece como elemento diferenciador da oferta turística galega.

Xosé Merelles explicou o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028, presentado pola Xunta no ano 2025 e dotado con máis de 10 millóns de euros ata 2028, que establece unha folla de ruta para afianzar Galicia como potencia neste ámbito.

Outro dos eixos da intervención foi o Camiño de Santiago, especialmente relevante no marco da preparación do próximo Ano Santo. Nos que vai de 2026, 454.669 peregrinos recolleron a Compostela, un 7% máis que no mesmo período de 2025. 

Neste contexto, o director de Turismo referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, dotado con 141,5 millóns de euros e destacou o Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, que mobiliza 40 millóns de euros para actuar en máis de 150 quilómetros de nove itinerarios xacobeos, co obxectivo de mellorar a seguridade dos peregrinos nos treitos coincidentes coa rede viaria.

Xacobeo 2027

O encontro permitiu tamén explicar ao alumnado as distintas iniciativas que a Xunta está desenvolvendo para preparar o Xacobeo 2027, entre elas o Plan Director de Patrocinios, orientado a favorecer a colaboración público-privada e establecer un marco homoxéneo para a programación vinculada ao Ano Santo.

Xosé Merelles referiuse igualmente ao programa O Teu Xacobeo, dotado con 3 millóns de euros para apoiar proxectos que poñan en valor recursos turísticos estratéxicos como a natureza, o patrimonio e a gastronomía. Na convocatoria correspondente a 2026 resultaron beneficiarios 56 proxectos, dos que 38 corresponden á liña dirixida a persoas físicas ou xurídicas e 18 á destinada a entidades sen ánimo de lucro.