O número 11 da lista do PP para as eleccións galegas visitou Seadur (Larouco)
Xosé Manuel Merelles, membro da candidatura ao Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense na lista do PP, visitou hoxe o municipio de Larouco, concretamente algunhas das covas de Seadur, xunto á alcaldesa deste concello, Patricia Lamela. Durante o seu percorrido pola zona, Merelles —que cesou recentemente como director da Axencia Turismo de Galicia para formar parte da candidatura do PP por Ourense—, apostou por intensificar a promoción turística das covas valdeorresas como “signo identificativo da cultura do viño” na comarca.
“Só cun goberno autonómico con Alfonso Rueda á fronte, poderá completarse o traballo iniciado para facer despegar definitivamente Valdeorras como destino turístico interior de referencia”, indicou Xosé Manuel Merelles.
Tamén puxo de manifesto a vontade do Partido Popular por seguir contribuíndo a dinamizar a afluencia de visitantes a diferentes núcleos do rural de Ourense coa aposta por un modelo de fomento de turismo microsegmentado que poña en valor os seus activos e recursos autóctonos.
Merelles aludiu a que a contorna das covas de Seadur, ao igual que outras emprazadas en distintos puntos da comarca, representan un dos capitais turísticos máis relevantes de Valdeorras en tanto en canto constitúen parte do legado que evidencia a antiquísima tradición vitivinícola na zona. “É un dos elementos que máis identifican a cultura do viño en Valdeorras”, declarou Merelles, quen puxo en valor o apoio da Axencia de Turismo de Galicia á súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Xunto a isto, destacou o proxecto de Larouco de acondicionamento da panorámica da contorna das escolas para o uso turístico, como un polo catalizador de turismo para o municipio. Ao abeiro deste programa, no que a actual Xunta investiu máis de 100.000 euros, poranse en valor as singularidades desta zona de Galicia, como a súa arquitectura, paisaxe, deseño, artesania ou enogastronomía.
“Estamos preparados para dar o seguinte paso e potenciar unha proposta de fomento do turismo microsegmentada, tamén para Larouco, baseada na calidade e sustentabilidade”, indicou Merelles.
O valor da enogastronomía
Neste sentido, destacou tamén que “Galicia é visitada cada vez máis por unha tipoloxía de turista que busca propostas diferenciadas nas que se conxuguen as historias propias dos lugares, a tradición, a paisaxe e a sustentabilidade, sen esquecer a enogastronomía”.
“Larouco conta con todos estes aspectos e está chamado a converterse nun dos principais polos de atracción da provincia de Ourense deste tipo de turismo ofrecendo unha proposta ambiental, sostible e inclusiva”, apuntou.
Tamén amosou o seu compromiso coa divulgación do patrimonio etnográfico e a cultura castrexa na zona posicionando turisticamente activos como os castros do Castrillón e Cabanelas como novos referentes das pegadas prerromanas e
como elementos diferenciadores do territorio.
E, xunto a isto, manifestou o seu apoio de cara á activación e promoción da Vía Romana, que discorre pola zona, como “un itinerario cultural de gran valor e como punto de atracción de
sendeiristas e amantes da natureza”.