23 C
O Barco de Valdeorras
viernes, junio 5, 2026

Turismo de Galicia inicia a tempada de verán dos trens turísticos

Trens turísticos
Publicidad

Están previstas 12 rutas e 31 saídas ata setembro e as plazas de xuño están esgotadas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician este sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. 

Xosé Merelles destacou o éxito desta iniciativa, «que constitúe xa unha das citas de referencia na programación turística da comunidade, co recoñecemento do público como de organizacións do sector». Neste sentido, incidiu en que «os itinerarios de xuño xa están vendidos ao completo, e as primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse». 

Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). 

Publicidad

Para o director de Turismo de Galicia, isto «da boa mostra do éxito desta iniciativa única, que integra sostibilidade e singularidade». Xosé Merelles definiuna como unha «proposta icónica» e referiuse ao seu aporte á desestacionalización e redistribución do turismo pola comunidade. 

Ademais, abundou tamén no factor da sostibilidade e da singularidade do programa. «Propón unha xornada nun medio de transporte como o tren, que non só é máis sostible que outros, senón que ademais permite formar parte dunha experiencia colectiva, vivida con máis viaxantes. É por tanto non só unha forma distinta de achegarse a Galicia, senón tamén de experimentar a propia viaxe». 

Un referente do turismo ferroviario en España

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa un ano máis na posta en marcha da campaña dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa consolidada como referente do turismo ferroviario en España e que volverá situar á provincia como un dos principais destinos desta oferta experiencial.

A estación de tren de Ourense acolleu hoxe a presentación da campaña 2026, na que participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director de Trens Turísticos de Renfe, Gonzalo Pastor Barahona; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

O programa, promovido grazas ao convenio de colaboración entre o Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, alcanza este ano a súa décimo terceira edición cun total de 13 rutas e 33 saídas entre os meses de marzo e outubro. A provincia de Ourense mantén un protagonismo destacado dentro da oferta, concentrando cinco das trece rutas e catorce das trinta e tres saídas programadas para toda Galicia.

Rosendo Fernández destacou que os Trens Turísticos constitúen «un dos mellores exemplos da colaboración institucional para crear produtos turísticos de calidade, sostibles e capaces de xerar actividade económica no territorio durante boa parte do ano».

O presidente do Inorde puxo en valor o peso específico da provincia dentro da campaña, sinalando que catro das cinco rutas ourensás son xestionadas directamente polo organismo dependente da Deputación: Ribeira Sacra-Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Ademais, a ruta de Monterrei reforza a súa programación cunha saída máis respecto á pasada edición.

As diferentes propostas permitirán descubrir algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e enogastronómicos da provincia, desde os viños das denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra ata espazos singulares como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao de Las ou o Castelo de Monterrei.

Un dos elementos diferenciais destas rutas é a incorporación de recursos promovidos polo Inorde, como os Museos das Estacións de Tren, o Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares ou o Museo do Traxe Tradicional Galego de Santa Cruz de Arrabaldo, ademais de visitas teatralizadas e percorridos en catamarán que enriquecen a experiencia dos visitantes.

Desde a Deputación sublíñase que os Trens Turísticos constitúen unha ferramenta estratéxica para a promoción da provincia, contribuíndo a alongar a tempada turística, atraer visitantes fóra dos períodos de maior afluencia e proxectar a imaxe de Ourense como destino vinculado á natureza, ao patrimonio e ao enoturismo. A elevada demanda volve avalar o éxito da iniciativa, consolidando este programa como un dos produtos turísticos máis demandados de Galicia.