«Toponimízate» en Chandrexa de Queixa: Os veciños aprenden a recoller nomes da terra

Publicidad

O antigo colexio de Celeiros a partir das 19:30 horas

A campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, chegará este venres 29 de xullo a Chandrexa de Queixa.

O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, ofrecerá unha charla na que explicará o funcionamento de Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa que lle permite á cidadanía participar na recolla de microtopónimos, os nomes de montes, leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder.

Na sesión, que terá lugar a partir das 19:30 horas no antigo colexio de Celeiros,  a veciñanza participante coñecerá tamén a orixe e o significado de nomes de parroquias e lugares de Chandrexa de Queixa, un traballo de divulgación que conta coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do académico electo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Publicidad

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salienta o valor cultural e simbólico da toponimia e da importancia de iniciativas coma Toponimízate, que contribúen á súa divulgación e conservación. “A toponimia forma parte da nosa memoria histórica. Cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos.

Esta campaña está pensada para informar e sensibilizar a sociedade sobre o noso patrimonio, e para facela partícipe dun valor que nos enriquece e que nos dá un sitio no mundo. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, conclúe Víctor F. Freixanes.