Seadur terá un novo acceso cunha inversión de 90.000 euros

Publicidad

Xunta e Concello de Larouco firmaron un convenio para executar o proxecto

A Xunta de Galicia e o Concello de Larouco colaborarán nunha actuación urbanística para mellorar o acceso ao núcleo de Seadur, un proxecto que requirirá dun investimento estimado de preto de 90.000 euros.

Así o comprometeron onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Patricia Lamela, mediante a sinatura dun convenio para levar a cabo o proxecto conxuntamente. En concreto, a Consellería achegará o 70% do custo da obra mentres que o 30% restante será asumido polo Goberno local.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, o actuación urbanística terá un dobre obxectivo. Por unha banda, acondicionar as dúas rúas que dan acceso ao núcleo de Seadur para mellorar a entrada ao lugar e solucionar un problema de escorrentías procedentes dos viñedos, sobre todo durante o inverno; e por outra, facer máis segura a zona pola que se entra ao local social municipal, localizado neste mesmo ámbito.

Publicidad

No caso do viario que conecta desde o sur con Seadur, realizarase unha cuneta de formigón no lateral esquerdo de 1,30 metros e tamén se ampliará nuns 60 centímetros polo lado dereito. Ademais, reconstruirase en pedra o muro de contención da vía.

Na rúa de acceso a Seadur polo norte, onde está o local social, colocarase unha varanda de madeira para evitar caídas debido ao desnivel. Ademais, prevese ampliar o ancho da calzada, pavimentando para resolver as fochancas con dobre rego e selado de area.

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Seadur enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas e ao que ten reservado para este ano un orzamento de 7 millóns de euros.

Esta é a segunda ocasión na que a Consellería colabora co Concello de Larouco a través do plan Hurbe, xa que no ano 2017 ambas administracións xa executaran un proxecto de humanización de rúas no mesmo núcleo de poboación