15.2 C
O Barco de Valdeorras
jueves, octubre 8, 2026
Publicidad

Samaín no Castelo do Bolo: Narración oral, tradición e viño o 31 de outubro

Publicidad

A actriz Alba de Vales achegará «Tarecos e Castañas do Alén»

O Castelo do Bolo converterase o vindeiro 31 de outubro nun espazo para a memoria, a tradición e a imaxinación coa celebración de «Tarecos e Castañas do Alén», unha experiencia escénica especialmente deseñada para vivir o Samaín desde a cultura e a tradición oral galega.

A actividade terá lugar entre as 20:00 e as 22:00 horas, aproximadamente, e estará conducida por Alba de Vales, actriz, titiriteira e narradora oral de Ourense, cuxo traballo se vincula coa tradición oral galega, os títeres e os obxectos, o teatro físico e as formas de creación comunitaria e participación nas artes escénicas.

«Tarecos e Castañas do Alén» propón unha viaxe polo imaxinario popular galego na que a narración oral, os monicreques, os obxectos e a música se mesturan para dar vida a historias da nosa tradición. Os tarecos cobran movemento, as lembranzas fanse presentes e as palabras convídannos a achegarnos ao descoñecido desde a curiosidade e o humor.

Publicidad

Nunha noite na que, segundo a tradición, o mundo dos vivos e o dos mortos parece estar un pouco máis preto, a proposta reivindica o Samaín como un momento de encontro, memoria e celebración colectiva. E se algunha visita inesperada chega desde o Alén, a resposta será clara: cantaremos para poñela a danzar connosco.

Unha experiencia íntima no Castelo do Bolo

A actividade desenvolverase nun formato íntimo e con aforo reducido, buscando favorecer a proximidade entre o público, a artista, as historias e os obxectos que forman parte da proposta escénica.

A experiencia continuará despois da narración arredor da mesa, cunha degustación de tres viños acompañada de dous petiscos, nun ambiente pensado para conversar, compartir e gozar da noite do Samaín nun espazo tan singular como o Castelo do Bolo.

O carácter reducido do aforo permitirá crear unha experiencia próxima e participativa, na que a tradición oral e a gastronomía se unen para ofrecer ao público unha maneira diferente de achegarse á cultura galega.

Unha actividade con prezo subvencionado

O prezo da actividade é de 18 euros por persoa, unha tarifa subvencionada que facilita o acceso a esta experiencia cultural e gastronómica.

A iniciativa organízase co apoio de Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello do Bolo, sumando esforzos para impulsar actividades culturais que poñan en valor o patrimonio, as tradicións e os espazos singulares do territorio.

Con esta proposta, o Castelo do Bolo convértese durante a noite do 31 de outubro nun lugar de encontro entre pasado e presente, entre a tradición oral e as novas formas de creación escénica, e entre a cultura e a gastronomía.