Publicidad

Trátase dunha mostra que busca dar a coñecer os pobos e as personas que os habitan poñendo en valor a súa identidade

A Casa da Cultura de Rubiá acolleu a inauguración de «La Galería», unha exposición fotográfica e audiovisual que busca dar a coñecer os pobos e as persoas que os habitan, poñendo en valor a identidade, o patrimonio e as formas de vida do rural.

Rubiá é un dos catro lugares seleccionados por Mil Ojos Producciones para formar parte deste proxecto, xunto a Cacabelos, Burbia e Chantada (Vilalba). A iniciativa parte da idea de que a riqueza do territorio está estreitamente ligada á súa xente, ás súas experiencias e ás relacións que se constrúen na comunidade.

Durante o verán, membros da Asociación Veciñal O Regueiral participaron nun obradoiro no que compartiron vivencias e reflexións arredor da vida nos pobos, os espazos de encontro e as actividades que favorecen a convivencia e o intercambio interxeracional. Deste proceso nace unha proposta expositiva que recolle esas experiencias a través da fotografía e do audiovisual, facendo da propia veciñanza protagonista do relato.

Publicidad

A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura de Rubiá ata o 9 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 h, de martes a venres, e de 17:00 a 19:00 h, domingos e festivos (o día 29 permanecerá pechada por mor das eleccións). Tamén se poden concertar visitas para grupos mediante reserva previa a través do correo electrónico asociacionoregueiral@gmail.com

O equipo organizativo agradece a asistencia e participación de todas as persoas que acompañaron a inauguración, así como a colaboración de cantas personas fixeron posible esta iniciativa. De maneira especial, agradece a Vinos Barco o seu apoio e acompañamento durante o acto, contribuíndo a completar o encontro cun brinde compartido.

«La Galería» permanecerá aberta ao público durante as próximas semanas, convidando a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ás historias, ás vivencias e á identidade que dan forma ao territorio.

(Artigo realizado por Inés Cao Núñez, portavoz da Asociación Veciñal O Regueiral)