Publicidad

O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego reuniu a 20 personas de diferentes nacionalidades para visibilizar aos emprendedores de orixe estranxeira que apostan por desenvolver os seus proxectos na comarca

O establecemento de ocio infantil Mandarina Kids, na Rúa, acolleu este xoves un encontro de talento retornado organizado polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego do Barco de Valdeorras, pertencente á Rede de Polos da Xunta de Galicia. A actividade reuniu a 20 persoas de diferentes nacionalidades residentes na contorna, procedentes de países como Venezuela, Arxentina, Colombia, Cuba ou Chequia, entre outros.

A xornada tivo como obxectivo crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias entre persoas emigrantes retornadas e persoas de orixe estranxeira que decidiron establecerse en Valdeorras, favorecendo a creación de contactos, o apoio mutuo e a identificación de novas oportunidades de emprendemento no territorio.

O encontro contou coa participación de Andrea Reinhart, emigrante retornada e coach especializada en crecemento persoal e profesional, que ofreceu unha charla motivacional centrada nos desafíos que supón comezar unha nova etapa vital e profesional tras unha experiencia migratoria. Durante a súa intervención abordou cuestións como os medos, a adaptación aos cambios, a confianza nas propias capacidades e a importancia de aproveitar as experiencias adquiridas ao longo da vida para impulsar novos proxectos.

Publicidad

Un dos momentos máis destacados da xornada foi a intervención de Yamila Belén Oporto e Juan Eduardo Valdés, responsables de Mandarina Kids, que compartiron a súa historia persoal e emprendedora desde a súa chegada a Galicia procedentes da Arxentina. Ambos explicaron a súa experiencia á hora de poñer en marcha un negocio na Rúa, converténdose nun exemplo das oportunidades que ofrece o emprendemento para construír un novo proxecto de vida na comarca.

A actividade tamén deu protagonismo ás persoas asistentes, que tiveron a oportunidade de presentarse, compartir as súas experiencias migratorias e profesionais e conversar sobre as dificultades e oportunidades que atoparon ao establecerse en Galicia. O encontro desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, favorecendo o intercambio de ideas e a creación de novas conexións entre persoas con traxectorias e culturas diferentes.

Desde o Polo do Barco destacouse o valor que achegan as persoas retornadas e de orixe estranxeira ao desenvolvemento económico e social de Valdeorras, tanto pola súa iniciativa emprendedora como polos coñecementos, experiencias e novas perspectivas que incorporan ao tecido empresarial da comarca.

A xornada enmárcase nas actividades de dinamización, networking e apoio ao emprendemento promovidas pola Rede de Polos da Xunta de Galicia, que ofrece asesoramento gratuíto e personalizado ás persoas interesadas en poñer en marcha, desenvolver ou consolidar unha iniciativa empresarial.

Con este encontro, o Polo do Barco continúa traballando para conectar o talento presente no territorio, fomentar novas oportunidades de autoemprego e contribuír á dinamización económica e social do rural galego.