O Simposio Florencio Delgado Gurriarán concluirá con música dedicada á canción galega no exilio mexicano de 1939

Publicidad

Samuel Diz na guitarra clásica e a soprano Belén Vaquero interpretarán pezas compostas por exiliados para poemas de Amado Carballo, Cunqueiro e Álvarez Blázquez

A canción galega no exilio mexicano de 1939 poralle o ramo este xoves ao simposio que a Real Academia Galega lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Samuel Diz, na guitarra clásica, e a soprano Belén Vaquero interpretarán pezas para poemas de Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Augusto Casas e Xosé María Álvarez Blázquez asinadas polo lugués Xesús Bal y Gay e María Teresa Prieto e Rodolfo Halffter, tamén exiliados en México, e mais unha canción de cego harmonizada por Gustavo Durán. A actuación comezará ás 19:00 horas no salón de actos da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña).

Publicidad

Previamente Samuel Diz falará sobre o músico ferrolán Xesús Dopico, primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, e Florencio Delgado Gurriarán. Os dous chegaron a México a bordo do Ipanema.

Samuel Diz intervirá na mesa redonda moderada polo director da Sección de  Historia da RAG, Ramón Villares, na que tamén participarán a historiadora Pilar Cagiao e o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza con distintas achegas sobre a etapa da exilio en México do autor valdeorrés ao que este ano a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas.

Publicidad

A segunda e última xornada do Simposio Florencio Delgado Gurriarán comezará ás 17:00 horas cun relatorio de Ricardo Gurriarán, biógrafo e parente do homenaxeado, centrado en distintos momentos da vida do homenaxeado. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as intervencións poderán seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega