Solicita que se adopten medidas para a recondución da situación con especial atención aos traballadores
O Grupo Provincial Socialista denuncia a “dramática situación” en Viana do Bolo trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que paraliza a mina de Penouta, urxindo á Deputación de Ourense a adoptar as medidas oportunas para unha pronta recondución da situación, nomeadamente no que respecta aos traballadores. “Hai que tomar as decisións oportunas para que a Mina volva a funcionar cumprindo cos requisitos medioambientais para que non se vexan afectados os postos de traballo que tanto necesita a Galicia baleirada”, sostivo o deputado provincial Aurentino Alonso na presentación da moción aos pés da explotación, acompañado de membros do Grupo Provincial Socialista e do Grupo Municipal Socialista de Viana do Bolo.
“A mina de Penouta é determinante para a nosa contorna, xa que case non temos outra cousa, sen industria e cun sector primario que atravesa unha situación de crise”, estima Germán García-Ávila, voceiro socialista en Viana do Bolo. Segundo este, “a mina por si soa xera uns 80 postos de traballo directos e 40 indirectos, fixando no territorio á poboación e activando o tecido económico do concello”.
“O problema ven de longo e, neste senso, a Deputación ten que ser parte da situación porque botamos moito en falta unha meirande proactividade da Xunta de Galicia, que é a instancia acaída para promover iniciativas acaídas e acelerar os procedementos para ver de arranxar os puntos críticos, aportando unha solución definitiva e que a explotación non quede permanentemente pechada”, sentenza García-Ávila.
Aceleración das análises de Augas de Galicia
Alén de demandar que a Deputación de Ourense se sitúe situarse a carón dos traballadores da Mina de Penouta, facilitándolles asesoramento e atención para paliar a difícil situación que están a atravesar a consecuencia da paralización na actividade da explotación; a moción socialista demanda a aceleración na realización de exhaustivas análises sobre a realidade das condicións hídricas na entorna da explotación. “Non chega a identificación oficial da natureza dos metais pesados presentes e os seus niveis nos leitos fluviais que poden ter un impacto directo sobre determinadas poboacións de Viana do Bolo. Neste senso, a Xunta ten moito que dicir e, nomeadamente, Augas de Galicia, que está tardando demasiado en dar conta dos resultados das análises”, denuncia Alonso.
En base ao principio de precaución, o TSXG entende que «non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de metais». O TSXG estima acreditado «o impacto do po resultante de voaduras e movementos (de terras), así como gretas en vivendas e a afectación das augas destinadas para consumo humano, que motivou denuncias da empresa municipal de augas de Viana do Bolo, con actuacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Garda Civil e Comisaría de Augas”. O tribunal sostén que «as emisións e verteduras están a chegar á Rede Natura 2000» e poden causar «unha afección á saúde das poboacións (…) con elementos extremadamente tóxicos que causan efectos crónicos pola súa bioacumulación no organismo».
Vector de desenvolvemento provincial
A iniciativa socialista tamén contempla que a Deputación de Ourense demande da Xunta de Galicia a elaboración dun estudo en profundidade sobre a realidade e potencialidades do sector mineiro na provincia, que inclúa o estado actual das concesións e dereitos mineiros con vistas á actualización e reordenación do sector, pero tamén para gozar dunha meirande transparencia e facer a información accesible á poboación. Para Alonso, “o goberno autonómico ten que darlle unha volta ás concesións deste tipo de explotacións e, nalgúns caso, volver a sacalas a concurso porque non é admisible que a Mina de Penouta permaneza pechada por non cumpre, tratándose dunha explotación única en Europa, onde se extrae coltán, un mineral estratéxico a nivel mundial”.
“Porque o potencial da Mina de Penouta, ben xestionado, está chamado a incidir de xeito directo no desenvolvemento e benestar da provincia”, engade o deputado socialista. Así as cousas, o grupo do PSdeG-PSOE da Deputación propón a conformar un grupo de traballo dirixido valorar o potencial da economía dos minerais raros, que comprenda a todas as partes interesadas, incluíndo á Xunta, concellos afectados, grupos políticos con representación na corporación provincial, universidade, empresa e expertos. “O obxectivo último é o aproveitamento, de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente, das oportunidades ofrecidas pola economía dos minerais raros na nosa provincia”, conclúe Alonso.